
Quen queira enfilar o remate do verán mergullado nun ambiente cen por cen gamer vai ter unha boa ocasión de facelo en Pontevedra, no Recinto Feiral os días 12 e 13 de setembro, con motivo da nova edición da Lérez Up, o salón do videoxogo e da cultura friki da cidade.
Para ir quecendo motores, a organización (Gaming Troop en colaboración co Concello de Pontevedra) foi achegando este verán unha serie de píldoras informativas nas redes coas que ir perfilando a totalidade do programa. Este contará coa presenza de importantes nomes no panel de expertos e relatores, como por exemplo Ana Cirujano, deseñadora e profesional do ámbito dixital, encargada de impartir o obradoiro práctico do sábado 12 de setembro ás 18:00 h para ensinar a artistas, ilustradores e artesáns a crear a súa propia tenda en liña desde cero.
O público asistente tamén poderá desfrutar coas contribucións de Wajari Velásquez, consultor freelance de posicionamento con máis de 10 anos de experiencia. Achegará o relatorio Non xogues só: O poder da colmea, o sábado ás 19.30 horas. Abordará como o software libre e WordPress poden conectar a profesionais, negocios e proxectos locais con comunidades a nivel global.
No capítulo de artistas confirmadas/os contarase coa presenza de @hyejuswolf e @sxwomi, dúas das ilustradoras e creadoras de contido que anunciaron conxuntamente a súa presenza con posto físico no salón Lérez Up.
Un espazo de encontro para xente de tódalas idades
A cita Lérez Up preséntase novamente como “un espazo de encontro para públicos de todas as idades, reunindo a familias, mocidade e persoas adultas interesadas nos videoxogos, o Cosplay, a cultura xaponesa e o lecer alternativo”, segundo informou a organización.
Engaden que “esta quinta edición chega con novas propostas e espazos renovados pensados para ampliar a experiencia do público”.
A imaxe da feira está representada nun cartel ilustrado pola artista galega Tomotoad, xa difundido nas redes sociais do evento, no que se inclúen diferentes elementos que avanzan parte dos contidos desta edición.
Entre as primeiras actividades confirmadas as semanas pasadas destaca o torneo nacional de Super Smash Bros Ultimate, unha competición que xa se “converteu nun dos piares do evento, reunindo en anos anteriores participantes de distintos puntos de España e Portugal”, e de feito para esta edición a previsión é manter ese nivel de participación e seguir consolidando o torneo como unha das citas máis destacadas para a comunidade competitiva.

Entre as actividades estrela da axenda tamén figuran o concurso de K-pop e o concurso de Cosplay. Este último contará cun xurado profesional, do que xa se coñecen os primeiros nomes: o cosplayer zamorano Manueki e a cosplayer checa Rea. Ambos serán os encargados de valorar as propostas presentadas, nunha actividade que cada ano reúne a centos de persoas no salón de actos.
Entre os espazos principais volverá estar a zona de stands, organizada en postos comerciais e de artistas. Dirixida a ilustradores, artesáns e creadores, esta área volve espertar un grande interese, como xa ocorreu en edicións anteriores, nas que o número de solicitudes, segundo explican dende Gamin Troop, “superou amplamente a capacidade da que se dispón”.
A programación incluirá tamén a zona indie, dedicada a estudos e desenvolvedores de videoxogos independentes. “Este espazo permitirá presentar proxectos ao público, recoller feedback e crear conexións dentro do sector”, sinalan dende Gaming Troop.
Todas as novidades e actualizacións sobre a Lérez Up estarán nas novas redes sociais oficiais do evento (@lerez_up), así como na súa nova páxina web propia, creada especificamente para centralizar toda a información desta edición.

