
A cuarta edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global entregou os seus galardóns a alumnado e centros de ensino o pasado 16 de xuño, pero o profesorado responsable dos proxectos premiados tiña aínda unha actividade pendente: unha viaxe a Guatemala para coñecer varios proxectos de desenvolvemento, así como as comunidades e profesionais locais que traballan neles xunto coa cooperación galega.
A viaxe, que comezou hoxe mesmo, permitirá coñecer, entre outras, as experiencias e metodoloxías formativas de Mujeres Maya Kaqla, en Santa María de Cauque; o labor a prol do desenvolvemento comunitario e educativo da asociación MejorHa, nas montañas de Jocotán; o Centro Universitario de Oriente, en Chiquimula, ou o proxecto de emprendemento téxtil de Atípica, baseado no comercio ético e no traballo con materiais sostibles das mulleres maias do lago Atitlán.
Segunda viaxe do Premio

Nesta viaxe, que se desenvolve entre o 17 e o 25 de agosto, participan os docentes responsables dos proxectos distinguidos na IV Edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global: Non sempre se nace onde se pace, na categoría A (Infantil e Primaria), desenvolto conxuntamente polo CEIP A Canosa-Rus (Coristanco) e o CEIP Xesús San Luis Romero (Carballo); Cultivando conciencias, colleitando futuros, na categoría B (ESO, Bacharelato e Formación Profesional), do IES Plurilingüe de Valga, e Talentos Inclusivos, na categoría C (Universidade), do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña.
Un grupo de cinco docentes, acompañado de persoal da ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, dá así continuidade á experiencia da terceira edición do Premio. Nesa ocasión, por primeira vez como parte do galardón, viaxaron a Guatemala profesoras da Facultade de Educación da Universidade da Coruña, do IES O Couto (Ourense) (en substitución do primeiro premio na súa categoría, o IES Luís Seoane de Pontevedra) e do CEIP López Ferreiro (Compostela).
O Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global conta desde a súa primeira convocatoria co respaldo e financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia. Nas súas catro edicións recibiu 77 candidaturas de proxectos educativos transformadores, recollidas xunto con outras propostas pedagóxicas no Mapa Cenit de Experiencias de Educación para a Cidadanía Global.

