
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe o esforzo innovador da cooperativa Viña Costeira para desenvolver desde Ribadavia un modelo pioneiro de viticultura rexenerativa e dixital. A firma galega lidera o proxecto Civitas (Circularidade integral en viñedo: natureza, tecnoloxía e sostibilidade), unha iniciativa beneficiaria do programa Nexos da Xunta de Galicia na que tamén participan as empresas Ecocelta Galicia S.L., Fauna Útil e Soltec, as tres universidades galegas e a spin-off Glecex.
Durante unha visita ás instalacións de Viña Costeira, Román Rodríguez puxo o proxecto como exemplo «pola colaboración entre a experiencia de varias empresas, universidades, centros tecnolóxicos e o apoio do Goberno galego para avanzar cara unha I+G+i de calidade e á vangarda».
Civitas está orientado aos viñedos galegos das denominacións de orixe Ribeiro e Valdeorras e ten como finalidade avanzar cara un modelo produtivo máis sostible e competitivo. A iniciativa busca transformar o sector vitivinícola mediante a integración de tecnoloxías avanzadas e solucións baseadas na natureza. A Xunta achega 760.000 euros, o 60% do investimento total.
O titular de Ciencia estivo acompañado polo alcalde de Ribadavia, César Manuel Fernández Gil, e polos responsables das empresas participantes. Durante a visita salientou o potencial innovador do tecido empresarial galego e destacou que programas como Nexos (cunha dotación de 22,6 millóns de euros para o período 2026-2028) «permiten establecer sinerxías e colaboracións entre empresas e contar co apoio de centros de coñecemento, facilitando que a investigación se traduza en solucións aplicables e con impacto directo na sociedade».
A cooperación público-privada, engadiu, «é clave para avanzar cara un modelo máis competitivo e baseado no coñecemento». O proxecto tamén exemplifica a extensión da innovación por todo o territorio galego, xa que, segundo sinalou o conselleiro, «é un exemplo de que se pode facer I+D+i de calidade desde moitos lugares da nosa xeografía».
Participan as tres universidades e unha spin-off do Campus de Ourense
O proxecto Civitas pretende reducir de forma significativa a pegada de carbono, implantar e xestionar coberturas vexetais funcionais, acadar a autonomía enerxética do viñedo, optimizar o uso da auga e dos fertilizantes e favorecer a biodiversidade e a saúde do solo. Tamén contempla mellorar a actividade biolóxica mediante o emprego de abonos orgánicos avanzados e impulsar a economía circular, xunto coa integración de ferramentas de dixitalización avanzada, enerxías renovables e sistemas de enerxía agrivoltaica no viñedo.
A iniciativa conta coa colaboración estratéxica das tres universidades galegas. Os resultados obtidos na contorna experimental de Viña Costeira están destinados a servir como modelo de negocio replicable e escalable a nivel nacional e internacional. Os modelos dixitais permitirán validar de forma simulada a viabilidade económica, ambiental e social dunha transición cara unha agricultura de cero emisións.
Pola Universidade de Santiago (USC) participa o Grupo PROePLA, do Campus de Lugo; pola Universidade de Vigo (UVigo), o Grupo GTE; e pola Universidade da Coruña (UDC), o Grupo Aquaterra. Glecex, centro tecnolóxico e spin-off da UVigo con sede no Campus de Ourense, achega tamén a súa experiencia ao proxecto.

