
A Xunta financia a contratación de 172 investigadores predoutorais e posdoutorais nas universidades públicas galegas e noutros organismos con máis de 30 millóns. En concreto son 102 investigadores na etapa inicial da carreira investigadora, que desenvolverán o seu labor durante catro anos cunha achega por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP de 12,3 millóns.
En canto aos investigadores posdoutorais, o Goberno galego destina 18,4 millóns en dúas convocatorias que suman 70 axudas a científicos desta etapa para realizar o seu traballo por períodos de seis e tres anos, tamén nas universidades galegas e noutros organismos que contribúen ao progreso da nosa I+G+i.
Do total de investigadores predoutorais e posdoutorais, 151 incorpóranse ao sistema e 21 continúan o seu traballo en centros de investigación e organismos galegos tres anos máis. Por destino, 150 farán o seu traballo nas tres universidades galegas: 99 na Universidade de Santiago (USC), 33 na Universidade de Vigo (UVigo) e 18 na Universidade da Coruña (USC). Outros 22 investigadores desenvolverán os seus proxectos noutras entidades.
Na etapa predoutoral, que dá inicio á carreira investigadora, dos 102 investigadores beneficiados, 90 incorporaranse no inicio de curso ás tres universidades galegas e 12 a outras entidades como o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a organismos de investigación sanitaria e biomédica ou a centros do Consello Superior de Investigacións Científica (CSIC) en Galicia. As axudas son ata o ano 2030, como figura no actual Plan galego de financiamento universitario e continuarán no seguinte plan. Dos 90 que irán para as universidades, 64 son axudas para a Universidade de Santiago (USC), 14 para a Universidade da Coruña (UDC) e 12 para a Universidade de Vigo (UVigo).
En canto ás axudas posdoutorais, o seguinte chanzo na carreira investigadora, 49 son para investigadores por un período de seis anos que realizarán o seu traballo nas universidades galegas (40 do total) e noutras entidades (9 do total). A este apartado a Xunta destina máis de 15,1 millóns ata o ano 2032. Dos 40 que se incorporarán ás universidades galegas: 23 irán á USC, 15 á UVigo e 2 á UDC.
Outros 21 investigadores posdoutorais aos que a Consellería de Educación destina unha partida de 3,3 millóns, como contempla unha resolución publicada no DOG no mes de xullo, están nunha situación de continuidade da súa etapa posdoutoral, polo que son axudas por tres anos máis, ata 2029. Neste caso, 20 investigadores desenvolven a súa carreira nas tres universidades galegas (12 na USC, 6 na UVigo e 2 na UDC) e un no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago.
