
Amazon aplicou unha nova suba xeneralizada aos prezos dos seus dispositivos, incluídos os Fire TV, Echo, Kindle e eero. Os incrementos producíronse sen un anuncio específico e comezaron a reflectirse nos prezos a pasada fin de semana.
Os Fire TV Stick son algúns dos produtos máis afectados. O prezo recomendado do Fire TV Stick HD pasou de 49,99 a 64,99 euros, mentres que o Fire TV Stick 4K Max aumentou de 79,99 a 114,99 euros, aínda que as ofertas puntuais de Amazon poden facer que o prezo efectivo de compra sexa inferior.

As subas non se limitan aos dispositivos para televisión. O Echo Dot máis recente elevou o seu prezo oficial de 64,99 a 89,99 euros e o Echo Show 11 pasou de 239,99 a 269,99 euros. Nos lectores Kindle, o modelo de 16 GB aumentou de 119,99 a 169,99 euros, mentres que o Kindle Paperwhite de 16 GB pasou de 179,99 a 224,99 euros.
Un voceiro de Amazon confirmou a Fortune os incrementos e atribuíunos directamente ao encarecemento dos compoñentes. «A industria da electrónica de consumo enfróntase a incrementos significativos nos custos dos compoñentes de memoria e almacenamento. Despois de absorber estes incrementos durante todo o tempo que puidemos, recentemente axustamos os prezos en todas as nosas liñas de produtos», explicou.
Amazon sostén que continuará ofrecendo produtos a prezos accesibles e que manterá promocións ao longo do ano. A revisión dos prezos dos modelos actuais permite establecer novos niveis de referencia para o catálogo antes da chegada das vindeiras xeracións (que previsiblemente se presentarán no outono).

