
Xa vai quecendo motores no Campus de Pontevedra o III Congreso Internacional de Creatividade, que se celebra en outubro e que terá como eixe temático as transformacións que tecnoloxías como a intelixencia artificial están a xerar nas catro áreas que abrangue o proxecto de especialización do Campus: a comunicación, o deseño, a arte e a educación.
Promovido polo Campus Crea (UVigo), co apoio da Deputación de Pontevedra, este foro académico desenvolverase os días 8 e 9 de outubro, reunindo no seu programa conferencias, mesas temáticas e presentacións de estudos que porán o foco “en como a creatividade se reconfigura nun contexto marcado pola intelixencia artificial, a sostibilidade, a ética dixital e transformación educativa”, sinalan desde o comité organizador.
Dirixido polas docentes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Margarita Pino e Sara Domínguez Lloria, con Susana Blanco como secretaria do comité organizador, o congreso celebrarase baixo o epígrafe Conexións reais: deseño, arte e educación na era dixital. En base a isto, nesta edición buscarase dar resposta á necesidade “de abordar unha realidade cada vez máis presente e con importantes implicacións de futuro nos ámbitos arredor dos cales se articula o congreso”, salientou Pino, engadindo que “a tecnoloxía e particularmente a intelixencia artificial están a producir unha profunda transformación” nos eidos da educación, a arte, o deseño e a comunicación, “polo que consideramos necesario promover un espazo de análise, reflexión e debate sobre as súas posibilidades, desafíos e implicacións éticas e creativas”, subliñou esta catedrática.
O congreso arrancará o xoves 8 de outubro cunha conferencia da artista residente en Ámsterdam Alicia Framis, quen desenvolve “plataformas para a interacción social e creativa” a través da colaboración interdisciplinaria.
Tras este relatorio comezará a mesa Comunicación e creatividade arredor da mesa, conducida polo chef Pepe Solla e na que participarán a profesora do CIFP Carlos Oroza Valentina Vázquez e o docente da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Sergio Macías.
Tamén nesa primeira xornada, o congreso acollerá unha conferencia da artista téxtil, deseñadora e investigadora Arantza Vilas, profesora asociada na Universidade das Artes de Londres. Ao longo da súa traxectoria profesional, Vilas colaborou no deseño de vestiario de producións cinematográficas e televisivas como Xogo de tronos ou o filme María, raíña de Escocia e as súas creacións exhibíronse en espazos como o Museo de Arte Contemporánea de Trento ou a Cidade da Cultura.
O xoves pola tarde desenvolverase unha das novidades desta edición: a organización de simposios simultáneos dirixidos a “favorecer un debate máis específico e especializado arredor de temáticas concretas”. Está confirmada a celebración dun enfocado ás “novas necesidades na formación do profesorado na era da dixitalización” e outro centrado na “intelixencia artificial aplicada aos procesos creativos musicais”.
Xa o venres 9 está programada a conferencia Intelixencia artificial, creatividade e educación, a cargo do profesor da Universidad de León Roberto Baelo, xunto cunha mesa redonda na que participantes en proxectos de investigación e alumnado de doutoramento presentará “os avances científicos” dos seus traballos. Coa participación de investigadoras e investigadores de diferentes universidades españolas e portuguesas, este encontro será moderado pola catedrática de Tecnoloxía Educativa da Universidad de Murcia Paz Prendes.
Nesta segunda xornada desenvolverase tamén a mesa redonda O emprego da IA en procesos creativos, coa participación de María José Malmierca, do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); da deseñadora de moda e gráfica Marta Domínguez, e de Oriol Saña, director artístico do proxecto SuperArte, que dá visibilidade ao talento das persoas con discapacidade.
Finalmente, a conferencia de clausura, Intelixencia artificial e mentes creativas, centrada no deseño de experiencias didácticas transmedia, correrá a cargo da catedrática de Tecnoloxía Educativa da Universidad de Oviedo María Esther del Moral.
Estas actividades combinaranse con diferentes mesas de presentación de comunicacións, para as que foron seleccionados un total de 46 estudos, presentados por 65 investigadores e investigadoras de diferentes universidades españolas e de Portugal, Guatemala e Colombia. O congreso combinará novamente a asistencia presencial e virtual, sendo maioritaria a primeira, sinala Pino, xa que o 65% dos inscritos e inscritas defenderán os seus traballos de xeito presencial.
O III Congreso Internacional de Creatividade nace, como os anteriores, ao abeiro da especialización do campus CREA, que vincula as titulacións de Belas Artes, Deseño, Comunicación e Educación que a Universidade de Vigo imparte na cidade de Pontevedra.

