
Grand Theft Auto VI afronta unha das maiores expectativas da historia dos videoxogos, e o esprinte final de cara ao seu lanzamento poderiamos entender que comeza hoxe coa publicación dun adianto do xogo en Netflix, que estará acompañado por moitas outras iniciativas promocionais, como unha colaboración con ElRubius e unha reportaxe en exclusiva na revista Dazed.

A mencionada revista tivo acceso ao equipo creativo de Rockstar e ofreceu novos detalles sobre o deseño de Leonida, o estado ficticio inspirado en Florida no que transcorre o xogo. Vice City, a súa principal cidade e recreación de Miami, estará acompañada por praias, zonas rurais, estradas e espazos naturais que buscan transmitir unha maior variedade tanto nos escenarios como nos seus habitantes.
«Hai unha presión sen precedentes», recoñece Rob Nelson, responsable de desenvolvemento e codirector de Rockstar North, aínda que considera que a esixencia interna é aínda maior. O estudio pretende aproveitar as limitacións detectadas nos seus xogos anteriores para revisar sistemas, comportamentos e elementos do mundo de xogo.
A maior diferenza respecto de Grand Theft Auto V estará no grao de interacción. Rockstar quere que Leonida reaccione con maior coherencia ás accións do xogador. Levar un rifle pola rúa, por exemplo, terá consecuencias no comportamento dos habitantes, mentres que os personaxes non xogables disporán de máis comportamentos e características propias.
Esta aproximación bebe tamén do traballo realizado en Red Dead Redemption 2. O xogo de 2018 apostou por unha representación máis realista e pausada, con sistemas que facían que as accións do protagonista tivesen efectos visibles no seu aspecto e nas súas relacións. Grand Theft Auto VI recuperará e ampliará parte desa filosofía, pero aplicada a unha proposta máis próxima ao ritmo e ao caos tradicionais da saga.

Jason Duval e Lucia Caminos serán os protagonistas. El é un antigo militar dedicado ao tráfico de drogas e ela acaba de saír do cárcere. Por primeira vez nun Grand Theft Auto principal, a historia estará protagonizada por unha parella que se pode controlar de maneira independente.
O sistema permitirá cambiar entre Jason e Lucia en diferentes situacións. Durante unha viaxe en coche, por exemplo, será posible conducir como Jason ou asumir o control de Lucia mentres utiliza o teléfono móbil. O dispositivo incluirá tamén redes sociais funcionais, utilizadas como ferramenta narrativa e como outra vía para satirizar a sociedade estadounidense contemporánea.
As posibilidades amplíanse durante as persecucións e os tiroteos. O xogador poderá pasar do volante a disparar desde o asento do acompañante e, unha vez rematada a acción, abandonar a estrada para explorar o litoral en moto acuática. A intención é que as actividades alleas á historia principal formen parte dunha experiencia máis orgánica.
A relación entre Jason e Lucia terá tamén un peso maior do habitual na saga. Rockstar describe a historia como unha narración inspirada en Bonnie e Clyde, na que a relación entre os dous personaxes se desenvolverá ao longo da súa vida como fuxitivos. As decisións do xogador poderán afectar a esa relación, mentres que as escenas promocionais xa mostraron unha maior atención á representación dos corpos, os movementos e o contacto físico entre os protagonistas.
Lucia representa ademais un cambio histórico para Grand Theft Auto ao converterse na primeira protagonista feminina plenamente desenvolvida dunha entrega principal desde a aparición da saga. Os xogos anteriores recibiron críticas polo tratamento das mulleres e polos seus estereotipos, polo que o novo personaxe tamén terá que demostrar que Rockstar é capaz de construír protagonistas máis complexos sen renunciar á liberdade característica da serie.
Os sistemas de progresión física volverán ter importancia. A alimentación afectará ao peso de Jason e Lucia, mentres que o exercicio permitirá desenvolver a súa musculatura. A falta de descanso e determinados excesos tamén terán consecuencias visibles no seu aspecto. Deste xeito, os hábitos do xogador quedarán reflectidos directamente nos corpos dos protagonistas.
A construción de Leonida tamén está baseada nun amplo traballo de investigación. Equipos de Rockstar viaxaron durante anos por Miami e outras zonas de Florida para estudar os seus habitantes, a arquitectura, a moda e os costumes locais. O estudo conta ademais cun equipo de investigación establecido na cidade.
«Reunímonos con antigos delincuentes, axentes da lei, promotores de clubs, vendedores de armas e calquera persoa coñecida ou influente que acepte falar connosco», explica Jamie-Lee Lloyd, directora artística sénior de personaxes. O equipo combina esas experiencias con libros e traballos xornalísticos para construír os personaxes que forman parte do xogo.
O resultado incluirá desde traficantes e atracadores ata figuras relacionadas coa industria musical e nocturna de Vice City. Entre eles están Brian Heder, Cal Hampton, Raul Bautista, Boobie Ike e Dre’Quan Priest. A escena musical terá unha presenza destacada, con especial atención ao Miami bass e ao hip-hop contemporáneo, ademais de artistas ficticios como Real Dimez.
As redes sociais tamén servirán para desenvolver esa dimensión cultural. As publicacións virais permitirán seguir a evolución de determinados personaxes e historias, ao tempo que contribúen a construír unha representación satírica da sociedade actual.
A moda será outro dos elementos utilizados para facer que Vice City resulte máis crible. Rockstar desenvolveu un auténtico ecosistema de roupa para os personaxes, con estilos adaptados ás diferentes zonas e grupos sociais. A variedade incluirá desde roupa de luxo e traxes ata prendas deportivas, pezas de inspiración hawaiana e equipamento propio das áreas rurais.
«Vice City está construída arredor da vaidade. Entre as redes sociais, a cultura das celebridades e o fluxo constante de turistas, a aparencia ten un peso considerable e as tendencias cambian rapidamente», explica a estilista Jillian Carr, que traballa no proxecto desde 2023.
Esa diversidade estenderase tamén aos miles de personaxes secundarios que poboarán Leonida. Rockstar desenvolveu novas ferramentas para aumentar a variedade física, estética e comportamental dos NPC. A intención é que non só teñan aparencias diferentes, senón tamén formas distintas de moverse, interactuar e expresarse.
O nivel de detalle requiriu un crecemento considerable dos equipos de desenvolvemento. Desde o lanzamento de Red Dead Redemption 2, a estrutura de Rockstar duplicou aproximadamente o seu tamaño e conta con oficinas en diferentes partes do mundo. Unha das súas sedes de Los Ángeles está dedicada en boa medida á creación dos peóns que circulan polas rúas.
Máis de 50 artistas urbanos reais participaron ademais no deseño de murais para zonas como Stockyard, inspirada no barrio de Wynwood de Miami. O equipo encargado do comportamento dos vehículos inclúe pilotos de competición, nun intento de conseguir unha condución máis convincente.
Grand Theft Auto VI chegará o 19 de novembro de 2026 a PlayStation 5 e Xbox Series X|S. O desenvolvemento prolongado, o tamaño do proxecto e a dimensión das expectativas converten o xogo nun dos lanzamentos máis importantes da industria cultural en toda a historia.
ACTUALIZACIÓN: ElRubius publicou o seu vídeo de primeiras impresións dunha versión preliminar de Grand Theft Auto VI.

