
Tras unha primicia de 6 horas en Netflix, Rockstar Games publicou Grand Theft Auto VI: Unha ollada estedida, un novo vídeo que amosa por primeira vez de maneira prolongada a xogabilidade do agardado título. As imaxes foron capturadas integramente durante partidas en PlayStation 5 (non en PS5 Pro, o que podería resultar enganoso para a meirande parte de xogadores) e combinan misións da historia con actividades e situacións que os xogadores poderán atopar no mundo aberto.
Estiman que este adianto de GTA VI provocou que o tráfico que Netflix nos EE.UU. se disparase (un 50 % dende móbiles y un 125 % dende a web), chegando a provocar nalgúns momentos incidencias no servizo.
Cómpre advertir de que o vídeo, que xa acumula máis de 4 millóns de reproducións en YouTube, tamén está dispoñible na páxina web oficial do xogo, onde incluso é posible descargar unha versión do vídeo que ocupa 14,2 GB, ofrecendo así un nivel de detalle moi superior ás versións en streaming que teñen un maior nivel de compresión.
O novo vídeo de adianto céntrase especialmente en Jason e Lucia, os dous protagonistas de Grand Theft Auto VI, que ademais de formar unha parella sentimental están involucrados nunha ampla variedade de actividades criminais. Podemos ver como será posible alternar entre ambos durante determinadas situacións e misións.

Un dos primeiros fragmentos corresponde a un traballo no que Jason e Lucia deben recoller mercadoría nun edificio de apartamentos por encargo do empresario musical Boobie Ike. A operación complícase cando unha traizón provoca a chegada da policía e dá lugar a un intenso tiroteo. Jason utiliza diferentes armas, entre elas un rifle de asalto e unha escopeta, mentres Lucia lle proporciona cobertura.
O vídeo tamén permite observar interaccións máis cotiás. Nunha escena na súa casa, os protagonistas prepáranse para acudir a unha reunión mentres escollen bebidas e conversan. A televisión reproduce anuncios humorísticos que parodian marcas e formatos da vida real. Posteriormente, ambos reúnense con Brian Heder, un dos seus principais contactos, e coa súa muller, Lori, nun bar situado nun tellado.
A viaxe en coche ata ese encontro serve para amosar con máis detalle Vice City, a cidade na que se desenvolverá a aventura. A representación da zona inspirada en Miami inclúe grandes avenidas e autoestradas conxestionadas rodeadas de edificios altos. O mapa da interface mantén un deseño minimalista e incorpora representacións tridimensionais dos edificios.

Outra das misións presentadas sitúa Jason e Lucia como condutores de fuga para Raúl Bautista, un atracador de bancos. Durante a persecución policial, Lucia conduce mentres Jason dispara contra vehículos policiais e helicópteros. A secuencia inclúe unha persecución cun nivel de busca de catro estrelas, accidentes espectaculares e un cambio de vehículo para intentar despistar as autoridades.
Unha vez abandonado o primeiro coche, Lucia emprega un cóctel molotov para destruílo e eliminar posibles probas. A misión remata cando os tres chegan ao seu destino nunha furgoneta máis discreta e Bautista paga polos seus servizos.
A terceira misión destacada transcorre durante a inauguración da primeira sede estadounidense de Megamundo, unha compañía ficticia de comunicación en español que parece inspirarse en redes como Telemundo. Jason e Lucia traballan como seguridade dun empresario chamado Andrés, que abandona o evento para participar nunha reunión privada. Cando Jason sobe para buscalo, atópao consumindo drogas cos seus amigos e negándose a baixar.
A situación complícase coa irrupción dun grupo de homes armados que toma reféns e busca diñeiro no rañaceos. Jason e Lucia quedan separados en diferentes plantas e deben combater por separado para protexer o seu cliente e escapar con vida. Un dos tiroteos permite ver un efecto de cámara lenta, aínda que non queda claro se se trata dunha mecánica xogable ou dun recurso empregado exclusivamente na presentación cinematográfica.

As imaxes tamén amosan unha ampla variedade de actividades secundarias. Entre elas aparecen pesca, kaiak, salto base, mergullo, motos acuáticas, aerodeslizadores e mesmo loitas de loita libre en xardíns particulares. Tamén se poden ver carreiras de motocross, competicións nocturnas de rúa e probas con coches de stock.
O humor característico da saga está igualmente presente. Nunha das escenas, Lucia rouba un vehículo sen saber que hai un influente encerrado no maleteiro. O home estaba retransmitindo en directo un reto no que debía permanecer pechado no interior do coche, polo que a posterior persecución policial acaba converténdose nunha emisión en directo na que se pode ver incluso o chat dos espectadores.
A nova presentación deixa así máis detalles sobre a variedade de situacións, misións e actividades de Grand Theft Auto VI, aínda que Rockstar Games continúa sen ofrecer unha explicación sistemática das súas novas mecánicas. Moitas das características do xogo seguen tendo que ser descubertas a partir das propias imaxes, deixando claro que poden achegar moitos detalles antes da chegada do título final.
Grand Theft Auto VI chegará o 19 de novembro de 2026 a PlayStation 5 e Xbox Series X|S. A nova entrega de Rockstar tamén está prevista para PC, aínda que a data de lanzamento nesa plataforma non foi anunciada, e previsiblemente demorará, como mínimo, un ano.

