
A quinta edición do Galicia Podcast Summit celebrarase o vindeiro 14 de outubro no Centro Municipal de Empresas Accede Papagaio da Coruña, nunha nova xornada dedicada ao podcasting e á creación de contidos dixitais.
O encontro desenvolverase entre as 10:00 e as 14:00 horas e manterá o carácter gratuíto das edicións anteriores. A organización avanza, ademais, que haberá café e tortilla para acompañar os momentos de conversa entre os asistentes.

O programa desta quinta edición aínda non foi desvelado. A organización anunciou que dará a coñecer o luns 7 de setembro os participantes e os temas que protagonizarán a xornada.
As persoas interesadas xa poden reservar a súa praza a través da web do Galicia Podcast Summit. O encontro preséntase como un espazo no que creadores e profesionais se reúnen para impulsar e compartir o podcasting, cunha programación que na edición anterior abordou cuestións como a creación, distribución e monetización dos contidos dixitais, ademais das novas ferramentas de intelixencia artificial.

A cuarta edición, celebrada no mesmo espazo, reuniu máis de medio cento de inscritos e contou con propostas de podcasting moi diversas, desde programas especializados en artesanía galega ou benestar ata proxectos vinculados ao márketing, os datos e a comunicación.
A organización mantén unha particularidade da cita: a xornada non será gravada nin emitida por streaming. Deste xeito búscase reforzar o carácter do encontro como unha experiencia persoal na que se prima o networking e a dinamización dun sector que está máis vivo ca nunca.

