
A Raiola Marketing Conference (RMC) regresa o vindeiro 26 de setembro ao Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (PALEXCO) cunha novena edición na que a intelixencia artificial, o SEO (posicionamento) e o emprendemento orientado aos negocios dixitais serán os grandes protagonistas. A conferencia quere ser novamente un punto de encontro para profesionais galegos e expertos de toda España, co intercambio de coñecemento e o networking como grandes protagonistas.
Coa incorporación de Guille Bouzas, recoñecido por Forbes como o Nº1 en mercadotecnia en redes sociais, complétase o cartel de relatores desta edición. Bouzas súmase a un panel de expertos formado por Brais Moure, enxeñeiro de software, desenvolvedor full-stack e divulgador coñecido en redes como MoureDev; David Marchante, CEO do grupo Powerexplosive e fundador do Instituto de Rendemento Empresarial, onde forma a empresarios en xestión e crecemento de negocio; Anna Pavlyuk, CEO de TuMadre Marketing e creadora de contido con máis de 120.000 seareiros; Hugo López, co-fundador de LeadMadness e especialista en embudes de venda e estratexia dixital; Alvar González, xestor de contas en Hotmart e especialista en produtos dixitais; Miguel Florido, consultor de mercadotecnia dixital e director de Marketing and Web; e David Bonilla, co-fundador de Pétalo, autor da Bonilista e especialista en comunidades tech e talento.
Raiola Marketing Conference contempla ademais dúas mesas redondas que abordarán algúns dos temas de maior actualidade para o sector. A primeira reunirá a catro referentes do posicionamento SEO: Luis M. Villanueva, co-fundador e CEO do Grupo Webpositer; MJ Cachón, consultora en posicionamento estratéxico e fundadora da axencia Laika; Chuiso, experto en SEO e monetización online e creador da comunidade TeamPlatino; e Olga Ortega, consultora SEO especializada en intelixencia artificial aplicada ao posicionamento. Durante o encontro analizarán a evolución do posicionamento, o impacto da intelixencia artificial nas estratexias SEO e os principais retos aos que se enfronta o sector.
A segunda mesa redonda estará centrada no emprendemento e contará coa participación de David Marchante (CEO do grupo Powerexplosive e fundador do Instituto de Rendemento Empresarial), Alejandro Novás (Vivir de Tu Pasión) e Ángel Pardo (Metapro Academy), tres emprendedores que construíron proxectos de referencia a partir da súa marca persoal. Desde a súa propia experiencia, abordarán as claves para transformar unha idea nun negocio sostible, superar os desafíos do emprendemento dixital e aproveitar o potencial da marca persoal como panca de crecemento.
A condución do evento correrá de novo a cargo de Benlly Hidalgo, consultor e formador en mercadotecnia dixital especializado en psicomarketing e fundador de PostGradum University Education, xunto con Álvaro Fontela.

