
A feira informática da mocidade XGN Intermax comezou a conta atrás para a súa 26ª edición, que se celebrará do 9 ao 11 de outubro no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca. E faino coa apertura de preinscricións para participar nesta cita que volverá unir as novas tecnoloxías, a informática e o lecer dixital. O proceso pode realizarse xa en liña.
Dende a organización informan de que “aínda que as persoas interesadas poden realizar desde hoxe a preinscrición, as reservas comezarán o 15 de setembro”. Será entón cando as persoas rexistradas poderán tamén seleccionar os seus postos, “o que facilitará aos participantes que acudan en grupo situarse na mesma zona da party”. O prezo de participación con reserva será de 40 euros.
O evento contará coas súas zonas tradicionais, a Intranet e a Extranet. Así, como é habitual, a Intranet, orientada a inscritos, permitirá desfrutar dun posto con conexión de altas prestacións e dará dereito tanto a acampar como a participar en actividades exclusivas, mentres que a Extranet ofrecerá un completo programa de propostas tanto para os participantes como para quen visite o recinto, que incluirá dende obradoiros e conferencias ata zona de videoxogos ou actividades deportivas.
En canto á dispoñibilidade destas áreas, a Intranet estará operativa para rexistrados desde o día 9 de outubro ata o 11 outubro á primeira hora da tarde, aínda que poderán acceder xa ao recinto o día 8 ás 16.00h na chamada preparty. Respecto á Extranet, poderase acceder o 9 e 10 de outubro de 10.00h a 20.00h, de forma gratuíta.
Lecer e aprendizaxe a 40 Gbps

Formación, entretemento e intercambio de ideas uniranse nesta edición, que contará de novo co apoio da Xunta de Galicia, impulsora desta LAN party (a maior e máis antiga de Galicia), a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio oficial da empresa galega de telecomunicacións Intermax Technology, quen proporcionará a tecnoloxía precisa para garantir que as persoas participantes poidan navegar por terceira vez a unha velocidade de ata 40 Gbps, que representa “o dobre do que se alcanzaba antes da implicación de Intermax Technology no evento”, informou a organización.

