
O Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña acolleu este mércores o VI Workshop SISAE, un encontro científico que reuniu investigadores nacionais e internacionais para compartir avances no desenvolvemento de métodos estatísticos capaces de proporcionar información precisa cando os datos dispoñibles son limitados.
Organizado polo grupo MODES do CITIC e baixo a coordinación da investigadora María José Lombardía, o encontro contou coa participación de dous investigadores de recoñecido prestixio internacional, Jiming Jiang, da University of California, Davis, e Thuan Nguyen, da Oregon Health and Science University, ambas institucións estadounidenses. O programa completouse coas intervencións das investigadoras do grupo MODES María Bugallo Porto e Naomi Diz Rosales.
A investigación na que se centra este encontro busca dar resposta a unha cuestión cada vez máis relevante: como obter información estatística fiable sobre territorios, grupos ou colectivos concretos cando non se dispón de datos dabondo para analizalos directamente. Para iso, os investigadores desenvolven métodos que permiten aproveitar conxuntamente distintas fontes de información e ter en conta as diferenzas existentes entre unhas áreas e outras.
O CITIC explica que “estas técnicas poden resultar de utilidade en ámbitos moi diversos, como por exemplo a saúde pública, para analizar indicadores en determinadas zonas ou grupos de poboación; a economía, para coñecer a evolución da renda en distintos territorios; ou a análise territorial, onde pode ser necesario dispoñer de información detallada sobre áreas para as que as enquisas non proporcionan unha mostra suficientemente ampla”.
Durante a xornada de traballo, Jiming Jiang presentou unha nova aproximación para estudar como poden variar determinados efectos entre diferentes grupos ou territorios. O seu traballo aborda a denominada inferencia causal en áreas pequenas, co obxectivo de mellorar a capacidade dos métodos estatísticos para identificar e estimar estes efectos cando a información da que se dispón para cada área é reducida.
Pola súa banda, Thuan Nguyen expuxo unha proposta para analizar fenómenos que non se manteñen constantes, senón que evolucionan ao longo do tempo. Este enfoque pode aplicarse, por exemplo, ao estudo das taxas de cancro segundo a idade ou á análise de indicadores económicos ao longo de distintos períodos. A súa investigación amplía métodos estatísticos utilizados decote para traballar con áreas pequenas á análise deste tipo de información dinámica.
O programa incluíu tamén dúas investigacións desenvolvidas desde o propio CITIC e o grupo MODES. María Bugallo Porto abordou novos métodos para mellorar as predicións cando o tamaño dos grupos analizados é reducido, combinando diferentes ferramentas estatísticas para aumentar a flexibilidade e a robustez dos resultados.
Naomi Diz Rosales, pola súa banda, presentou unha investigación baseada na idea de que unha mesma relación entre distintas variables non ten por que ser válida do mesmo xeito en todos os territorios. A súa proposta permite recoller estas diferenzas e aplicouse a dous casos concretos: a predición a curto prazo da ocupación das unidades de coidados intensivos por COVID-19 nas áreas sanitarias de Castela e León e a estimación da renda en función da provincia, o sexo, o grupo de idade e o ano.

