
A XGN Intermax World Champions Edition xa superou os rexistros da pasada edición a dúas semanas da súa celebración. A cita tecnolóxica, que se desenvolverá do 9 ao 11 de outubro na Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, conta xa con 877 inscritos, fronte aos 867 participantes que acadara en 2025.
A cifra aínda poderá medrar nas vindeiras semanas, xa que o prazo de inscrición permanecerá aberto tanto antes do comezo do evento como durante a propia LAN party. Esta 26ª edición chega baixo o nome de World Champions Edition, unha referencia á vitoria da selección española de fútbol no Mundial.
A XGN Intermax volverá reunir profesionais e afeccionados á tecnoloxía, a informática e o lecer electrónico a través das súas dúas grandes áreas. A Intranet estará reservada aos participantes rexistrados, que disporán dun posto con conexión de altas prestacións, aloxamento en acampada e acceso a actividades exclusivas.

A Extranet ofrecerá un programa aberto tanto aos participantes como aos visitantes, con acceso gratuíto os días 9 e 10 de outubro entre as 10.00 e as 20.00 horas. Pola súa banda, os inscritos poderán acceder ao recinto desde as 16.00 horas do 8 de outubro, durante a preparty, e permanecer na Intranet ata o día 11.
O programa combinará formación e entretemento con competicións, obradoiros, actividades deportivas, xogos analóxicos e conferencias arredor das novas tecnoloxías, a intelixencia artificial e o gaming. A edición especial World Champions Edition incorporará tamén propostas vinculadas á temática escollida para este ano.
A XGN Intermax conta novamente co apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio de Intermax Technology.

