
A IA ao servizo dun concello e dos seus principais desafíos, neste caso concreto os desafíos da Coruña. Esta é a cuestión central do proxecto europeo ALLOCATE (Accelerating Local Leadership by Open Computing and AI for Technological Empowerment), unha iniciativa coordinada polo Concello da Coruña na que participan o CITIC da Universidade da Coruña, o Cluster TIC de Galicia, Altia Group e Khora UrbanThinkers.
O proxecto, dotado cun orzamento de 5,5 millóns de euros e cunha duración de 42 meses (entre outubro de 2025 e marzo de 2029), busca “impulsar solucións innovadoras baseadas na intelixencia artificial e na sustentabilidade para mellorar os servizos públicos, reducir a pegada ambiental e favorecer un desenvolvemento urbano inclusivo”, segundo explica o CITIC da UDC, engadindo que nos últimos meses traballouse nos tres ámbitos definidos polo proxecto: mobilidade, residuos e servizos cidadáns. O obxectivo inicial é “coñecer a situación actual de cada servizo antes de formular como podería mellorarse mediante solucións baseadas na intelixencia artificial.”
No eido dos servizos cidadáns, o equipo analizou o funcionamento de canles como o 010, a liña municipal de atención telefónica, e o sistema IRIS, utilizado para xestionar solicitudes e incidencias, ademais doutros procesos que afectan a diferentes áreas municipais. A partir da análise documental e de reunións con persoal municipal, elaborouse un primeiro mapa de problemas operativos. Este diagnóstico examinouse desde tres perspectivas: a do Concello, a da cidadanía e a do persoal técnico encargado de xestionar e resolver as solicitudes.
A perspectiva cidadá incorporouse a través da información dispoñible nos propios servizos, como solicitudes, incidencias e reclamacións, e do coñecemento acumulado polos equipos municipais.
O obxectivo desta primeira fase era comprobar que os problemas identificados sobre o papel coincidían coas dificultades que se producen no funcionamento cotiá dos servizos.
O traballo desenvolvido ata o de agora incluíu a identificación dos desafíos. Para iso, tivéronse en conta diferentes criterios, como o impacto esperado na cidadanía, a viabilidade, a dispoñibilidade de datos, a urxencia operativa, a aplicabilidade da intelixencia artificial e a sustentabilidade a longo prazo. En total situáronse nove retos, que pasan agora por unha nova fase de análise para comprobar se poden converterse realmente en casos de uso con viabilidade. Para iso, estúdanse os conxuntos de datos aos que se podería acceder de maneira realista, os procesos municipais nos que tería que integrarse unha futura solución e os resultados que esperan obter os departamentos implicados.
O obxectivo final é seleccionar tres casos de uso urbanos reais: un relacionado coa mobilidade sostible en bicicleta, outro coa optimización do servizo de residuos urbanos e un terceiro coa mellora da xestión de incidencias municipais.
Transferencia a outras cidades

A participación da Universidade da Coruña (UDC), a través do CITIC e do grupo LIDIA, céntrase na identificación de casos de uso e datos, no deseño dunha metodoloxía para medir o consumo enerxético e na formación en intelixencia artificial verde para pemes. Tamén colaborará no seguimento e na avaliación dos resultados, aplicando enfoques como Green-in e Green-by.
ALLOCATE contempla, ademais, a creación dunha infraestrutura tecnolóxica na Cidade das TIC e o establecemento dunha comunidade de computación local formada inicialmente por unhas 40 empresas. Dez pemes e novas firmas innovadoras (start-ups) participarán na experimentación de tres casos de uso urbanos, conectando as necesidades do Concello coas capacidades do tecido tecnolóxico local.
O proxecto busca que as solucións desenvolvidas na Coruña poidan transferirse a outras cidades europeas, como Reggio Emilia, Heidelberg e Viana do Castelo.
Para seleccionar os casos de uso, séguese un proceso de cinco etapas: diagnosticar o servizo actual, validar o diagnóstico, converter os problemas en desafíos, priorizalos e comprobar a súa integración nos recursos e procesos existentes.

