
Os Atlántica Labs by GPUL celebrarán o martes 27 de outubro, de 19:00 a 21:00 horas, unha nova sesión centrada no uso da intelixencia artificial no desenvolvemento de software. O encontro terá lugar en DEUS (rúa Ciudad de Lugo, 35, baixo A, A Coruña).
A charla, titulada F*** Vibecoding: Code-first. Introdución á IA en proxectos de longa duración, correrá a cargo de Adrián Blanco e analizará como integrar ferramentas de IA nos fluxos de desenvolvemento sen perder o control sobre o código.
A sesión partirá dunha situación cada vez máis habitual: a delegación na IA de tarefas relacionadas coa creación e organización do código fai que os desenvolvedores dediquen máis tempo a revisar documentación, pull requests ou requisitos. A proposta é buscar un equilibrio entre a automatización e a intervención directa no código, mediante procesos, guías e barreiras que permitan manter a calidade de proxectos que se prolongan no tempo e acumulan centos de prompts.
Os Atlántica Labs recuperan o espírito dos antigos GPUL Labs cunha proposta vinculada á comunidade tecnolóxica galega e ao software libre. Ademais das charlas, os encontros buscan facilitar o contacto entre desenvolvedores e outros membros da comunidade, cunha sesión informal posterior á actividade.

