
A Maker Faire Galicia celebrará o vindeiro 9 de outubro a súa Xornada da Industria na Casa das Máquinas, cun programa que xirará arredor de catro tecnoloxías estratéxicas: a neurotecnoloxía, a biotecnoloxía, a intelixencia artificial e a computación cuántica. Farao, ademais, cun cartel composto por relatoras/es e proxectos galegos, “para poñer en valor o talento local espallado polo mundo”, segundo informou o Concello de Santiago, patrocinador do evento a través da Concellería de Promoción Económica.
Segundo fixo saber, a cita da Casa das Máquinas será a segunda das actividades desta edición co obxectivo de “dar visibilidade ao talento galego a través de proxectos que ou ben se desenvolven en Galicia ou están espallados por outros países do mundo”.
No cartel deste ano, destacan nomes tanto no ámbito da investigación como do emprendemento como Elena Martínez, Beatriz Pelaz, Eva Somolinos, Daniel Seijo ou Gonzalo Blázquez, entre outros.
Elena Martínez é doutora en Biotecnoloxía, residente na República Dominicana, co-fundadora do Grupo BlueGea e recoñecida recentemente por Forbes como unhas das 30 persoas menores de 30 anos máis influentes en España e en Europa. “A pesar da súa xuventude, leva anos traballando en xerar valor a partir do sargazo, unha alga invasora que destrúe os ecosistemas mariños en máis de 45 países”, segundo adianta o Concello.
Beatriz Pelaz, Premio Nacional de Investigación para Mozos, traballou en diferentes países e na actualidade é líder do grupo BioNano Tools no CIQUS da Universidade de Santiago. Na súa intervención na Maker Faire, falará sobre a construción de máquinas nanométricas que sexan capaces de traballar dentro das células, respondendo a estímulos externos.
Pola súa banda, Eva Somolinos é vicepresidenta da Fundación Proxecto AcercArte e directora executiva de Synestec, un proxecto que parte da súa característica persoal: a sinestesia cromática, que fai que o seu cerebro relacione automaticamente cada cor cunha nota musical. A partir desta cualidade, desenvolveu unha terapia para frear o avance das enfermidades neurodexenerativas e no 2024 foi aceptada polo Marcus Institute for Aging Research da Universidade de Harvard.
Daniel Seijo é un recoñecido emprendedor compostelán, creador do fondo Civeta Investment para investir en novas firmas innovadoras (startups). Recentemente co-fundou Hawkings Education, onde aplica a intelixencia artificial para a xeración de contidos e ferramentas educativas.
Por último, Gonzalo Bláquez, AI e Quantum Manager no ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia), abordará dun xeito sinxelo e realista o punto no que se atopa a tecnoloxía cuántica a nivel global e o que está por vir.
Ademais disto, a xornada contará cunha escolma dos mellores proxectos de todos os presentados ao call for makers, que compartirán coñecemento con todos os asistentes e participarán na xa tradicional rolda de proxectos. Ademais haberá unha mesa de talento emerxente, con investigadores e emprendedores que destacan por ir á vangarda no seu sector como María de la Fuente de Diversa, Guillermo Díaz do CESGA, Iria Ollero de Inmersiva e Pablo Cabanelas de Neutron Insights.
A asistencia ao evento é de balde ata completar aforo, pero require inscrición previa na web da feira.
A Maker Faire Galicia conta co apoio do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, a través do IGAPE, o Clúster TIC Galicia e Servicio Móvil e organízase e opera de forma independente baixo a licenza de Make Community LLC, mantendo o seu compromiso de fomentar a creatividade, a innovación e o talento na comunidade argalleira da nosa terra.

