
A XGN Intermax World Champions Edition celebrará a súa 26ª edición do 9 ao 11 de outubro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda, cunha programación que combinará novas tecnoloxías, informática, videoxogos e outras propostas de lecer dixital. A organización ultima estes días as actividades dunha edición que tamén incorporará opcións analóxicas para permitir aos participantes afastarse das pantallas.
A denominación World Champions Edition fai referencia á vitoria da selección española de fútbol no Mundial e servirá como fío temático desta edición da party. As inscricións continúan abertas a través da web da XGN Intermax.

A cita, apoiada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e con Intermax Technology como patrocinadora oficial, manterá a división entre Intranet e Extranet. A primeira estará reservada aos inscritos, que dispoñerán dun posto con conexión de altas prestacións, aloxamento en acampada e acceso a actividades exclusivas. A Extranet, de acceso gratuíto, concentrará propostas abertas tanto aos participantes como aos visitantes.
Os inscritos poderán acceder ao recinto o 8 de outubro a partir das 16:00 horas durante a preparty, mentres que a Intranet funcionará oficialmente desde a primeira hora da tarde do día 9 ata o día 11. A Extranet estará aberta os días 9 e 10 de outubro entre as 10:00 e as 20:00 horas.
A conexión de rede volverá ser un dos elementos técnicos destacados da XGN Intermax. A colaboración con Intermax Technology, iniciada en 2024, permitirá ofrecer por terceira edición velocidades de ata 40 Gbps, o dobre das dispoñibles antes da incorporación da tecnolóxica galega ao evento.
O programa combinará competicións de arte dixital, modding, videoxogos e xogos de mesa con talleres e experiencias inmersivas. Tamén haberá simuladores, xadrez e pistas de baloncesto, entre outras actividades que se están pechando nestes días.

