
A quinta edición do Galicia Podcast Summit celebrarase o 14 de outubro no Centro de Empresas Accede Papagaio (A. Coruña) cunha xornada dedicada á evolución do podcasting e ás diferentes formas de desenvolver proxectos arredor do formato. O encontro reunirá seis voces ligadas ao sector, dúas mesas de conversa e dous espazos de networking.
Baixo o lema O podcast despois do audio, a xornada analizará todo o que acontece arredor dun podcast máis alá da súa gravación, desde os proxectos que se constrúen a partir do formato ata as distintas maneiras de crear e desenvolver un programa.
A primeira mesa, Máis ca un podcast, contará con Henrique Sanfiz (Festival de Podcast Galicia), Poly Vazquez (En Beta Permanente) e Toni Colom (Cómo diferenciarse). A segunda, Podcasting ao teu xeito, reunirá Ana Cirujano (Un Billete a Chattanooga), Martín del Río (Talking Tigers) e Susana Vales (Frecuencia Cativada).
Os dous espazos de networking permitirán aos asistentes e aos participantes compartir experiencias, coñecer novos proxectos e establecer contactos dentro do ecosistema do podcasting e da creación de contidos.
O encontro reunirá persoas procedentes de diferentes puntos de Galicia e participantes doutras partes de España, cunha representación de distintas formas de entender e desenvolver o podcasting.
Galicia Podcast Summit non se gravará nin se emitirá en streaming. Tanto as conversas como os espazos de networking estarán reservados aos asistentes presenciais, co obxectivo de favorecer o contacto directo entre creadores e profesionais.
A entrada será de balde previa inscrición, con capacidade limitada. Esta edición será a derradeira do presente ano.

