
A XGN Intermax World Champions Edition reunirá do 9 ao 11 de outubro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda competicións de videoxogos, obradoiros, propostas de arte dixital, intelixencia artificial, robótica e experiencias inmersivas. A 26ª edición da maior LAN party galega volverá contar co apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio oficial de Intermax Technology.
A programación para os inscritos incluirá nove competicións de arte dixital, unha dedicada aos setups, a Open LED Race e o AI Contest, no que os participantes deberán programar un robot para competir nun sinxelo xogo. Tamén se celebrarán torneos de preto dunha vintena de videoxogos para PC e consola.

Entre as competicións con premios figuran as de League of Legends, CS2, Valorant, Rocket League, Mario Strikers, Smash, Mario Kart e o torneo especial FIFA 2027: World Champions Edition. Nesta última competición só se poderán utilizar seleccións nacionais e o gañador recibirá, ademais do premio correspondente, un trofeo impreso en 3D. A programación completarase con torneos de títulos como Age of Empires II: Definitive Edition, Clash Royale, Paralives, Pokémon TCGP, The Sims 4, StarCraft II: Legacy of the Void, Tekken, Taiko, Teamfight Tactics, Ultra Star e Web Games.

A zona dedicada ao hardware contará cunha granxa de impresoras 3D e diferentes obradoiros. Entre eles haberá un dedicado á montaxe dun Dummy 13, un pequeno robot articulado; outro de pintura acrílica para figuras impresas en 3D, e unha actividade na que os participantes poderán construír un pequeno coche impulsado polo aire dun globo para experimentar con conceptos como a enerxía, a propulsión, o movemento, a fricción e a fabricación dixital. Tamén se recuperarán propostas analóxicas como os xogos de debuxo e o fast crimping.

A Extranet, aberta tanto aos inscritos como aos visitantes, funcionará os días 9 e 10 de outubro e ofrecerá obradoiros de introdución á microsoldadura e varias actividades relacionadas coa intelixencia artificial, entre elas A túa propia IA, no teu portátil, Monta o teu asistente de voz e Automatiza o traballo repetitivo. Tamén haberá propostas de cosplay para crear accesorios de personaxes de videoxogos, cine, manga ou cómic.

O sábado 10 terá ademais unha zona FPV, con simuladores, pantallas e lentes para experimentar con sistemas de visión en primeira persoa, xunto con exhibicións de pilotos de drons e actividades como fútbol con drons. Durante os tres días tamén estarán dispoñibles xogos de mesa, demostracións de xogos de rol, áreas de videoxogos, simuladores, realidade virtual, mesas de ping pong, futbolíns e pistas de baloncesto.
A conectividade volverá ser un dos elementos destacados da XGN Intermax. O patrocinio de Intermax Technology permite aos participantes navegar a velocidades de ata 40 Gbps, o dobre das rexistradas antes da incorporación da empresa galega ao proxecto en 2024.
A edición comezará oficialmente o venres, aínda que mañá, xoves 8 de outubro, terá lugar a tradicional preparty. As portas abrirán ás 16.00 horas para facilitar a chegada progresiva dos inscritos e a instalación dos equipos e do material na zona de acampada. Durante esta xornada realizaranse principalmente tarefas de montaxe e probas técnicas destinadas a garantir o correcto funcionamento da conexión antes do inicio da programación oficial.

