
O Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade en Produtos con Elementos Dixitais da Xunta de Galicia porá en marcha o 20 de outubro os Encontros Tecnolóxicos do Laboratorio, unha iniciativa que busca facilitar o intercambio de coñecemento e experiencias arredor da ciberseguridade e das tecnoloxías emerxentes.
A primeira xornada celebrarase na sala Eisenman da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, entre as 09:30 e as 14:00 horas, e estará dedicada ás novas tendencias na detección e resposta fronte ás ciberameazas. A sesión contará coa participación de expertos de CrowdStrike.
Entre os asuntos que se abordarán figuran a evolución dos centros de operacións de seguridade (SOC), a protección da intelixencia artificial, os servizos de Frontier AI e a aplicación da IA en escenarios de Red Team e Blue Team. Tamén se presentarán as novas plataformas orientadas á protección da identidade dixital.
Os encontros están concibidos como unha cita periódica para profesionais, empresas, administracións públicas e outras entidades interesadas na ciberseguridade. A previsión é organizar unha xornada temática cada mes para analizar tendencias, retos e avances tecnolóxicos do sector.
A primeira edición incluirá tamén espazos para o intercambio directo de coñecemento entre os asistentes e os relatores. Os interesados en participar da xornada poden inscribirse en liña.
Axenda:
- 09:30 – Café de benvida
- 10:00 – Apertura
- 10:15 – De SecOps a Agentic SOC
- 11:00 – Protección á IA e da IA
- 11:45 – Coffee Break
- 12:00 – Servizos de Frontier AI
- 12:15 – Utilizando a IA para Red Team e Blueteam
- 13:00 – Next-Gen Identity Security: A nova plataforma
- 13:30 – Novidades
- 14:00 – Xantar

