
A XGN Intermax World Champions Edition comezará oficialmente mañá venres no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, con 921 persoas rexistradas na súa Intranet. A cifra supón un incremento do 6,2 % respecto da edición anterior, que reuniu 867 inscritos, e sitúase como a segunda máis alta dos últimos once anos. Só a edición de 2019, con 932 rexistrados, conseguiu superar ese dato desde que a Feira Internacional de Galicia ABANCA asumiu a organización da cita en 2015. As inscricións permanecen abertas, polo que o número aínda podería aumentar.
A 26ª edición da maior LAN party galega prolongarase ata o domingo á primeira hora da tarde e estará dedicada á vitoria da selección española de fútbol no Mundial. Os participantes na Intranet poderán instalar os seus equipos e acampar no interior do pavillón, ademais de acceder a un programa específico de actividades e conectarse á rede proporcionada por Intermax Technology, con velocidades de ata 40 Gbps.
A acreditación e instalación dos participantes comezará esta tarde durante a xornada de preparty, pensada para facilitar os accesos e realizar probas antes do inicio oficial do programa mañá. A actividade combinará formación e entretemento tanto na Intranet como na Extranet, a zona aberta ao público que poderá visitarse gratuitamente durante o venres e o sábado.
Entre as actividades reservadas aos inscritos figuran nove competicións de arte dixital, unha dedicada aos set ups, a Open Led Race e o AI Contest, no que os participantes deberán programar un robot para competir nun sinxelo xogo. Tamén se celebrarán torneos de preto dunha vintena de videoxogos.
Oito destas competicións terán premios: League of Legends, CS2, Valorant, Rocket League, Mario Strikers, Smash, Mario Kart e o torneo especial FIFA 2027: World Champions Edition. Nesta última competición utilizaranse exclusivamente seleccións nacionais en lugar de clubs e o gañador, ademais do premio correspondente, recibirá un trofeo impreso en 3D. O resto dos torneos estarán dedicados a AoE II Definitive Edition, Clash Royale, Paralives, Pokémon TCGP, Sims 4, Starcraft 2: Legacy of the Void, Tekken, Taiko, Teamfight Tactics, Ultra Start e Web Games.
A programación tamén reservará espazo para o hardware e a fabricación dixital, cunha granxa de impresoras 3D e obradoiros para ensamblar un Dummy 13, pintar figuras impresas en 3D ou construír un pequeno coche de xoguete mediante impresión 3D. Esta última actividade permitirá experimentar de forma práctica con conceptos como a enerxía, a propulsión, o movemento, a fricción e a fabricación dixital. A programación completarase con actividades como debuxo analóxico e fast crimping.
A Extranet volverá ampliar a programación ao público xeral con talleres de introdución á microsoldadura e diversas actividades relacionadas coa intelixencia artificial. Entre elas figuran A túa propia IA, no teu portátil, Monta o teu asistente de voz e Automatiza o traballo repetitivo. Tamén haberá obradoiros de cosplay para confeccionar accesorios inspirados en personaxes de videoxogos, cine, manga ou cómic.
O sábado incorporarase ademais unha zona dedicada á tecnoloxía FPV, con simuladores e lentes para experimentar a visualización en primeira persoa, exhibicións de pilotos de drons e actividades como fútbol con drons.
Durante as tres xornadas manteranse tamén xogos de mesa, demostracións de rol, áreas de videoxogos, simuladores, ping pong e futbolíns. A XGN Intermax conta novamente co apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e co patrocinio de Intermax Technology.

