
A XGN Intermax 2026 xa está en marcha no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, coa súa World Champions Edition. A 26ª edición da maior LAN party galega abriu as portas este venres coa participación da directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Lara Meneses, e suma 923 inscritos na súa Intranet, unha cifra que aínda pode medrar porque o prazo de rexistro continúa aberto.
Os participantes dispoñen dun posto para o seu equipo informático e de espazo para acampar no interior do pavillón, ademais dunha conexión a Internet de ata 40 Gbps grazas ao patrocinio de Intermax Technology. A programación combina competicións, obradoiros e actividades relacionadas coas novas tecnoloxías e o lecer electrónico, tanto para os inscritos como para os visitantes da Extranet, a zona de acceso libre que estará aberta o venres e o sábado.

A actividade competitiva comezou con máis de trinta probas relacionadas coa arte dixital, os videoxogos, a personalización dos espazos informáticos ou setups, as carreiras de LED e a programación de robots.
A área de hardware tamén está activa coa granxa de impresoras 3D e con obradoiros prácticos. Entre eles figuran unha actividade de montaxe dun Dummy 13, un pequeno robot articulado, e outra dedicada á construción dun coche de xoguete mediante impresión 3D. Esta última permite experimentar con conceptos como a enerxía, a propulsión, o movemento e a fricción, ademais de achegar os participantes á fabricación dixital.

A Extranet tamén iniciou a súa programación con obradoiros de microsoldadura nos que os participantes aprenden desde cero a soldar placas electrónicas. A maior parte das actividades desta zona concentrarase o sábado, cando os visitantes poderán aproveitar a oferta de lecer tecnolóxico e recreativo.
Xa están dispoñibles as áreas de videoconsolas, realidade virtual e simuladores, xunto con espazos para xogar ao futbolín, ao tenis de mesa, ao xadrez e practicar actividades deportivas. A oferta complétase cunha ampla selección de xogos de mesa, desde clásicos como Carcassonne e Aventureiros ao tren ata títulos familiares como King of Tokyo e Sushi Go, ademais de xogos de ritmo rápido como Polilla Tramposa e Flip 7.

