
Que a literatura é unha inspiración en moitos eidos é algo máis que sabido: cine, pintura, música pero tamén o mundo do videoxogo. Atendendo a isto a Fundación Carlos Casares puxo en marcha en 2019 as Xornadas Videoxogo e Literatura. Unha mirada transversal, un encontro anual que trata o videoxogo como produto cultural e que busca contribuír á profesionalización do sector en Galicia.
Neste 2026, o 15 e 16 de outubro terán lugar as VIII Xornadas Videoxogo e Literatura. Unha Mirada Transversal, que reunirán na galería A3 do Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo a profesionais do sector para falar de creación, industria, educación e cultura interactiva. A Fundación Carlos Casares adica esta edición á profesionalización do sector, aos xogos de rol e ao deseño accesible, e completa o programa cunha exposición, obradoiros escolares para máis de 250 alumnos e alumnas de Vigo e arredores e unha mostra de videoxogos indie galegos.
Iniciadas en 2019, as Xornadas tratan o videoxogo como obra cultural e analizan a súa relación coa literatura, con outras disciplinas artísticas e con outros ámbitos do lecer interactivo. A actividade está organizada pola Fundación Carlos Casares en colaboración co MARCO de Vigo e coa Asociación profesional Videoxogo.gal, e conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo.
O encontro pretende ampliar o coñecemento público do sector, analizar as súas perspectivas de crecemento e a súa integración na cadea de valor da cultura, identificar os retos aos que se enfrontan os e as profesionais e facilitar que o público dialogue con persoas de referencia da industria do lecer interactivo. Como mestre de cerimonias contaremos co actor de dobraxe e ilustrador, Bruno Doiro.
O programa desta edición céntrase en tres liñas. A primeira é a profesionalización: o avogado Xosé Manuel Rey (DataLawyers) falará da parte legal de facer videoxogos; Juan Pablo Ordóñez (Game Hunters) explicará como se traballa con publishers, e Javier Mayor (Videoxogo.gal) detallará o funcionamento da tenda de Steam.
A segunda liña é a relación con outros xeitos de xogo: a mesa redonda Xogando a ser, reunirá a Andrea Bretin (Colibrí Games), Manuel Sánchez (Realidad Alternativa) e José Veiga (Customeeple) para tratar os xogos de rol e o lecer interactivo. E o obradoiro Gamificación na educación, da profesora creadora de contidos Lucía Moure (Curruncho Galego) afondará sobre o uso do xogo como ferramenta docente, aplicable a outros ámbitos profesionais e persoais.
A terceira liña é o proceso creativo: Pedro Seco e Lluís Morueco, de Nakama Game Studio, contarán como deseñaron Coloratura, unha aventura que se pode xogar sen ver, e o programador Francisco Téllez de Meneses (@unepic_fran) percorrerá o camiño que vai da idea ao produto. O sector galego terá un espazo propio. A mesa Os indies en Galicia, contará con Carolina Nickelle (Under Castle), Andrés Piñeiro (Widijou) e Gerardo Borjes (Team Stargazers), cuxos xogos, Chroma Tales, Golpes e Broucazos (Thumbs & Blows) e Aureole – Wings of Hope, poderán probarse o xoves na mostra de videoxogos instalada no espazo da libraría do MARCO.
O venres será a quenda dos proxectos da Game Jam Dende o galego, con humor, que os seus equipos presentarán na galería A3 e que tamén se poderán xogar na mostra. O peche das Xornadas incluirá o anuncio da edición 2026 da Game Jam que, ademais de premios en metálico, tamén contará con accións de impulso para o desenvolvemento de videoxogos con contido cultural en lingua galega.
Asemade, como actividade paralela, o Espazo Anexo do MARCO acollerá a exposición Bit a Bit. A evolución dos videoxogos, acompañada de obradoiros escolares durante as mañás e na que xa están pechadas todas as reservas. Máis de 250 escolares visitarán os obradoiros do mércores ao venres. A exposición aberta ao público poderá visitarse do mércores 14 ao venres 16 de outubro, de 17 a 20 horas, e o sábado 17 de outubro, de 10 a 14 horas.
Programa
Xoves 15 de outubro
- 11:00 h – Apertura – A cargo de Bruno Doiro, mestre de cerimonias, actor de dobraxe e artista gráfico.
- 11:05 h – Xogando a ser. Os xogos de rol e o lecer interactivo
- Andrea Bretín, deseñadora de xogos de mesa e responsable en Colibrí Games.
- Manuel Sánchez, director de xogo e responsable en Realidad Alternativa.
- Jose Veiga, responsable en Customeeple.
- 12:15 h – Inauguración
Participación de representantes do Concello de Vigo, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Fundación Carlos Casares, empresas e institucións. - 12:30 h – Pausa – Café.
- 12:45 h – Profesionalizarse facendo videoxogos: a parte legal. Elementos a ter en conta no proceso creativo
- Xosé Manuel Rey, responsable de datalawyers.
Aspectos legais para facturar, darse de alta como autónomo ou constituír unha empresa.
- Xosé Manuel Rey, responsable de datalawyers.
- 13:45 h – Pausa para comer
- 17:00 h – Posicionarse facendo videoxogos: traballando con publishers
- Juan Pablo Ordóñez, CEO de Game Hunters.
Especialista en produto e posicionamento de videoxogos.
- Juan Pablo Ordóñez, CEO de Game Hunters.
- 18:15 h – Pausa – Café.
- 18:30 h – Posicionarse facendo videoxogos: como funciona a tenda de Steam
- Javier Mayor, produtor, deseñador e desenvolvedor de videoxogos.
Consellos para mellorar a presenza e rendibilidade dos xogos en Steam.
- Javier Mayor, produtor, deseñador e desenvolvedor de videoxogos.
- 19:30 h – Os indies en Galicia. Videoxogo.gal
- Carolina Nickelle: Chroma Tales.
- Andrés Piñeiro: Golpes e Broucazos.
- Gerardo Borjes: Aureole Wings of Hope.
- 20:30 h – Fin da xornada.
Venres 16 de outubro
- 17:00 h – Coloratura: deseñando unha aventura que se xoga sen ver
Presentación do videoxogo de Nakama Game Studios.
Participan:- Lluís Morueco (deseñador).
- Pedro Seco (Game Director).
- 18:00 h – Profesionalizarse facendo videoxogos: das ideas aos produtos
- Francisco Téllez de Meneses.
Programador con experiencia en Ubisoft e autor de títulos como Unepic, Ghost 1.0, UnMetal e Pampas & Selene.
- Francisco Téllez de Meneses.
- 19:00 h – Obradoiro: Gamificación na educación
- Lucía Moure, profesora de galego e responsable de Curruncho Galego.
Actividades de gamificación aplicables á aula e a outros contextos profesionais e persoais.
- Lucía Moure, profesora de galego e responsable de Curruncho Galego.
- 20:15 h – Dende o galego con humor: os proxectos da GameJam
Presentación dos proxectos participantes na GameJam 2025.
Anuncio da edición 2026. - 20:45 h – Remate das VIII Xornadas
Clausura das Xornadas Videoxogo e Literatura.
