
O Galicia Podcast Summit celebrou no Centro de Empresas Accede Papagaio da Coruña a súa quinta edición cunha xornada centrada na evolución do podcasting e nas diferentes maneiras de desenvolver proxectos arredor deste formato. Baixo o lema O podcast despois do audio, o encontro reuniu voces vinculadas á creación de contidos para reflexionar sobre o presente do sector e as oportunidades que xorden máis alá da gravación e publicación de programas.

O programa organizouse arredor de dúas mesas de conversa. A primeira, Máis que un podcast, estaba prevista coa participación de Henrique Sanfiz, do Festival de Podcast Galicia, Poly Vazquez, de En Beta Permanente, e Toni Colom, de Cómo diferenciarse. Sanfiz non puido asistir ao encontro (aínda que enviou substituta, dando así voz ás emisoras municipais de radio e a súa contribución ao podcasting), mentres que Colom adiou a súa participación para futuras edicións do cumio.

A segunda mesa, Podcasting ao teu xeito, reuniu a Ana Cirujano, de Un Billete a Chattanooga, Martín del Río, de Talking Tigers (pódcast que acumula preto de 5 millóns de reproducións en YouTube), e Susana Vales, de Frecuencia Cativada. As diferentes traxectorias e experiencias dos participantes permitiron abordar distintas formas de entender e desenvolver proxectos de podcasting.

En ambos espazos de debate non só intercambiaron pareceres os integrantes das mesas, senón que o condutor do evento, Leo Menéndez, instou en numerosas ocasións a participar a integrantes do público cando considerou que tiñan cousas interesantes que aportar á temática en discusión.

A xornada reservou tamén espazos para o networking, destinados a favorecer o contacto directo entre os asistentes, compartir experiencias e facilitar o coñecemento de novos proxectos. Esta dimensión presencial constitúe un dos elementos centrais do encontro, que non se gravou nin se emitiu en streaming, de maneira que tanto as conversas como os momentos de intercambio quedaron reservados aos asistentes.
Producido por Tako Coop e co patrocinio de Lucushost e Clipo Produce, o cumio pechou así o seu calendario de 2026 cunha nova xornada presencial dedicada ao podcasting e ás relacións profesionais que se constrúen arredor deste formato, adiantando a intención de celebrar tres edicións máis ao longo de 2027.
