
Este mes de outubro a Cidade das TIC será a sede de XScale A Coruña, a primeira iniciativa de inmersión e soft landing de Galicia para conectar o ecosistema empresarial e tecnolóxico galego con empresas tecnolóxicas e innovadoras en fase de crecemento acelerado (scaleups).
A cita está organizada pola Oficina de Promoción Tecnolóxico Industrial e nela colabora o Clúster TIC Galicia. Celebrarase do 26 ao 28 de outubro no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC.
O evento central do encontro terá lugar o luns 26 de outubro co Meet the Scaleups, onde as 16 empresas gacela seleccionadas presentarán os seus proxectos ás compañías e investidores presentes nesta primeira xornada. Procedentes de diferentes países de Europa, América e África, estas scaleups veñen de pasar un rigoroso proceso de captación e avaliación a nivel global, segundo confirmou o Clúster TIC.
As empresas candidatas son: Global Biorefineries, de Perú; Norad, de EE. UU.; VR In Situ, de EE. UU./Venezuela; Sealead, de Brasil; Recraft, de Francia/España; PHLO, de Reino Unido; Nexo, do Salvador/EE. UU.; Vértice, de Chile; Merlin, de Arxentina; Suncast, de Chile; Betacode, do Salvador; Sistica, de Colombia; Tryb Loyalty, de Marrocos/España; HealthWallet.me, de Romanía; Nedpark Algerie, de Arxelia/Francia; e Chucaw, de Chile.
Trátase de proxectos vinculados aos sectores da intelixencia artificial aplicada e axéntica, ciberseguridade, tecnoloxías inmersivas (XR/VR), eSaúde, biotecnoloxía, enerxías renovables, ConTech, Industria 5.0, agrotech ou economía circular.
O investimento total previsto para o seu escalado é de 6,77 millóns de euros e estímase que poderían crear ata 95 postos de traballo na área da Coruña. Estas firmas, sinala o Clúster TIC, “teñen tracción comprobada no seu mercado de orixe e algunhas están inmersas en rodas de investimento”.
O martes 27 de outubro celebrarase o Invest in A Coruña Forum e o 28, realizaranse visitas aos principais centros de investigación e tecnolóxicos galegos.
As prazas son limitadas e a inscrición, de carácter gratuíto, pode realizarse en liña.
