
As plataformas de streaming contan cada vez con máis contidos en directo, e así como nos últimos meses se anuncio que os premios Emmy se emitirían en Prime Video e os Oscars en YouTube, tamén hai apostas máis ambiciosas como a de Netflix emitindo o Mundial de fútbol íntegro, e agora chega a sorprensa co anuncio do creador de contidos Ibai Llanos, quen fixo oficial a venda dos dereitos de retransmisión do seu evento estrela, La Velada del Año, á Netflix mediante un contrato que abrangue as edicións 7, 8 e 9. A sétima entrega do espectáculo de boxeo converterase no primeiro evento en directo emitido por Netflix en España e nun dos primeiros deste formato en Europa.
O movemento estratéxico non supón a venda da propiedade intelectual da marca, que segue pertencendo ao 100% a Llanos como único socio, senón unicamente a cesión dos seus dereitos de emisión para a xornada principal de combates. O acordo garante a emisión simultánea en máis de 190 países sen requirir un pagamento adicional por visión, polo que calquera subscritor do servizo poderá acceder ao directo, que contará ademais con tradución a diversos idiomas segundo a rexión, incluído o inglés para o mercado de EE.UU.
A alianza con Netflix prodúcese tras varios anos de negociacións nos que o evento espertara o interese de canles tradicionais de televisión e doutras plataformas de streaming. A diferenza doutras propostas económicas recibidas con anterioridade, a oferta de Netflix integra un investimento directo no orzamento de produción técnica, escenografía, iluminación e mercadotecnia, outorgando ao mesmo tempo total liberdade creativa ao equipo organizador.
A estrutura de difusión manterá un esquema híbrido. Mentres a competición principal se emitirá de xeito exclusivo en Netflix, todos os contidos previos (a presentación oficial dos enfrontamentos, a pesaxe previa, a rolda de prensa cos participantes e o anuncio dos artistas musicais) manteranse en aberto a través das súas canles habituais en Twitch, YouTube e TikTok.
Os plans de produción para a sétima edición, que prevé presentar a súa carteleira definitiva entre febreiro e marzo, contemplan manter a mesma política de prezos na venda de entradas para o público presencial nos estadios. A organización atópase pechando os primeiros combates, que continuarán protagonizados maioritariamente por creadores de contido dixital.
