
A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense celebrará este sábado, 7 de novembro, a edición 2026 do encontro DevFest, unha “xornada intensa de aprendizaxe, innovación e, sobre todo, moita comunidade” na que participarán arredor de 200 persoas e que terá como grandes protagonistas as novidades en intelixencia artificial e axentes autónomos.
A cita, que se presenta como “a gran festa da tecnoloxía Galicia”, está organizada polo Google Developer Group (GDG) de Ourense co apoio da Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo e co patrocinio de Google, Alén Space, o Concello de Ourense, Raiola Networks, Binarial e Condes de Albarei, entre outras entidades e comunidades.
O evento forma parte de DevFest, a maior rede de conferencias tecnolóxicas impulsadas pola propia comunidade tecnolóxica, con máis de 700 eventos en máis de 115 países organizados cada ano polos Google Developer Groups locais.
Nova tendencias

Nesta edición 2026, sinalan desde a organización, o DevFest regresa a Ourense consolidándose como “o punto de encontro de referencia para os apaixonados da tecnoloxía no noroeste peninsular”, contando con relatores estatais e internacionais, obradoiros, demostracións de startups e unha mesa redonda sobre o futuro da programación.
Ao longo de todo o día, desde as 9.00 h e ata as 20.30 h, o edificio Politécnico do campus acollerá unha intensa programación na que se porá o foco na intelixencia artificial e os axentes autónomos, indo “máis aló dos LLMs (modelos de linguaxe avanzados) tradicionais”, e no desenvolvemento web e móbil, achegándose ao último en Android, Flutter e arquitecturas modernas. Tamén serán protagonistas a computación na nube e as tecnoloxías verdes, afondando nas infraestruturas eficientes e Google Cloud, e as tecnoloxías emerxentes, desde computación cuántica ata bioinformática.

Contarase con relatorios de conferenciantes de primeiro nivel (estatais e internacionais), talleres prácticos en formato codelabs para “mancharse as mans con código”, e dinámicas de traballo en rede deseñadas para conectar empresas, talento local e profesionais do sector. Entre as e os relatores figuran Susanna Wong (Google Developer Expert, QuantumBlack), Davide Passafaro (Google Developer Expert en Angular), Roushanak R (IBM), Alejandro de la Cruz López (Astrafy) e Eric Risco de la Torre (Andorra Telecom).
A xornada incluirá ademais demostracións das novas firmas innovadoras Sizit, Trenio e Docucraft, e rematará ás 19.30 h cunha mesa redonda que exporá unha pregunta de plena actualidade: segue tendo sentido aprender a programar?
En palabras do Google Developer Group (GDG) de Ourense, o DevFest “é a oportunidade de traer á cidade a referentes estatais e internacionais e demostrar que aquí tamén hai talento e comunidade tecnolóxica”. Este ano “queremos que calquera asistente, estude ou traballe no sector, leve ideas prácticas sobre como a IA está a cambiar nosa forma de traballar”, sinala Manuel Alonso, un dos responsables do GDG Ourense e profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática. A entrada para o evento pode mercarse a través da web da iniciativa, sendo o seu custe de 5 euros.

