
Canva vén de lanzar Affinity para iPad, unha aplicación que reúne nun mesmo espazo de traballo ferramentas profesionais de ilustración, deseño vectorial, edición fotográfica e maquetación. Desenvolvida especificamente para a pantalla táctil das tabletas de Apple e o Apple Pencil, permite realizar todo o proceso creativo, desde os primeiros bosquexos ata a preparación de documentos para impresión, sen necesidade de recorrer a varias aplicacións.
Unha das principais novidades é Sketch Studio, un novo espazo de traballo orientado ao debuxo a man alzada e á transformación de bosquexos en elementos vectoriais. A integración co Apple Pencil permite aproveitar a presión e a inclinación do lapis para modificar os trazos, mentres que a biblioteca de pinceis ofrece diferentes opcións de personalización. A función Sketch to Shapes converte formas debuxadas a man en figuras vectoriais editables.

O traballo vectorial conta con ferramentas para crear logotipos, iconas e ilustracións mediante curvas e nodos de precisión. A edición fotográfica permite procesar arquivos RAW, realizar seleccións intelixentes, retocar imaxes e compoñer escenas con múltiples capas. Entre as novidades específicas para iPad figura Mask Tool, que facilita a creación de máscaras ao detectar os límites dos obxectos mentres se percorren co Apple Pencil, algo especialmente útil en elementos complexos como o pelo, a pelaxe ou a vexetación.
A aplicación tamén incorpora ferramentas de maquetación para elaborar documentos de varias páxinas, revistas, libros fotográficos e catálogos. Permite traballar con páxinas mestras, grellas, composicións tipográficas e distribución automática de textos e imaxes, así como preparar arquivos finais para impresión con xestión da cor.

Todas estas disciplinas comparten un mesmo arquivo co formato .af. Deste xeito, é posible pasar do debuxo á edición vectorial, á fotografía ou á maquetación sen exportar nin converter documentos. Os cambios non destrutivos actualízanse en tempo real e permanecen editables, mesmo en proxectos con milleiros de capas.
A interface foi deseñada especificamente para iPad, con controis adaptados á interacción táctil e acceso directo ás ferramentas máis habituais. Tamén aproveita as funcións avanzadas do Apple Pencil Pro, incluíndo presión, inclinación, rotación do corpo, xestos de presión e detección da proximidade da punta á pantalla. Affinity asegura que mesmo os documentos máis complexos manteñen unha resposta fluída durante a edición.

A integración da intelixencia artificial chega a través de Canva AI Studio, que incorpora ferramentas para automatizar tarefas concretas sen eliminar o control creativo do usuario. Entre elas figura Generative Expand, que permite ampliar imaxes para adaptalas a novos formatos ou tamaños de impresión, así como ferramentas de redución de ruído e corrección do desenfoque por movemento. Decompose Layer, pola súa banda, separa unha imaxe plana en distintas capas editables.
Os axustes poden modificarse en tempo real para controlar a intensidade dos efectos e o resultado final. A filosofía desta integración pasa por empregar a IA para resolver tarefas repetitivas e facilitar o traballo dos profesionais, sen substituír as decisións creativas. Estas funcións requiren unha conta premium de Canva.
Affinity para iPad é de balde para uso individual nas súas ferramentas principais de debuxo, deseño vectorial, edición fotográfica e maquetación. Para utilizar a aplicación cómpre crear unha conta gratuíta de Canva, mentres que as funcións de Canva AI Studio necesitan unha subscrición premium.
O lanzamento dá continuidade á presenza de Affinity nas tabletas de Apple, iniciada en 2017 con Affinity Photo, recoñecida daquela como aplicación do ano para iPad por Apple. A nova aplicación xa está dispoñible na App Store para iPad.

