
A Factoría Europea de Intelixencia Artificial 1HealthAI xa ofrece a través da súa páxina web información e asesoramento ás empresas e aos axentes do sistema galego de investigación, desenvolvemento e innovación (I+G+i). A iniciativa busca facilitar o acceso aos recursos desta infraestrutura, con especial atención ás pequenas e medianas empresas e ás compañías innovadoras vinculadas ao enfoque One Health, que integra a saúde humana, animal e ambiental.

A plataforma presentouse nunha xornada de traballo cos principais clústeres galegos, na que o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou a importancia de achegar as capacidades da intelixencia artificial ao tecido produtivo, independentemente da dimensión das empresas. «Temos que conseguir que todos os recursos da fábrica cheguen ás pemes e que poidan traducirse en innovación, competitividade e novas oportunidades de negocio», sinalou.
Os servizos incluirán canles de acceso aos recursos da infraestrutura e acompañamento personalizado mediante mentorías. Este asesoramento permitirá identificar oportunidades de aplicación da intelixencia artificial e orientar o desenvolvemento de solucións adaptadas ás necesidades de cada sector. Tamén se pretende favorecer a creación e o crecemento de startups especializadas nesta tecnoloxía, facilitando que novos proxectos innovadores cheguen ao mercado.
O encontro permitiu contrastar as necesidades e expectativas dos distintos sectores e recoller propostas para definir os futuros servizos e mecanismos de colaboración. Tamén se pediu aos clústeres que identifiquen empresas cunha elevada madurez tecnolóxica e capacidade para aproveitar os recursos da infraestrutura desde as primeiras fases do seu despregamento.

Na reunión participaron representantes do Clúster Saúde de Galicia (CSG), BIOGA, CLUSAGA, ANFACO-CYTMA, VIRATEC e o Clúster TIC, así como responsables do CESGA, DATAlife, Gradiant e das tres universidades públicas galegas. Estiveron representados os sectores da saúde, a biotecnoloxía, a alimentación, o mar, o medio ambiente e as tecnoloxías da información.
A infraestrutura conta cun investimento de 82 millóns de euros, financiado a partes iguais pola Empresa Común Europea de Computación de Alto Rendemento (EuroHPC JU) e por España, a través do Ministerio correspondente e da Xunta de Galicia. O proxecto está liderado polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e coliderado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), coa participación das tres universidades públicas galegas, Gradiant e o hub europeo de innovación dixital DATAlife, entre outros socios.
1HealthAI é unha das 19 factorías europeas de intelixencia artificial e especialízase no enfoque One Health. A súa candidatura foi a terceira mellor valorada no conxunto das factorías seleccionadas nas tres convocatorias europeas e acadou a segunda mellor puntuación na última delas.

