
Un total de 34 proxectos optan aos XI Premios Paraugas, os galardóns cos que o Clúster da Comunicación de Galicia recoñece o talento e o traballo da industria da comunicación e da mercadotecnia da nosa terra. As propostas finalistas, anunciadas hoxe en Ferrol, suman 39 candidaturas nas trece categorías da convocatoria e no Premio Estudantes. Os gañadores daranse a coñecer o próximo 13 de novembro, durante a gala que acollerá o Teatro Jofre. Unha das novidades da edición é que por primeira vez esta gala emitirase en directo en Agalega, a plataforma de contidos da CSAG.
O Salón de Recepcións do Concello de Ferrol acolleu a presentación oficial desta edición, coa participación de José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol; Marta Ferro, presidenta do Clúster da Comunicación de Galicia; Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta en Ferrol; e Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua. Ao encontro e á foto de familia sumáronse José Antonio Álvarez Vidal, presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao; Óscar López Fernández, director da Zona Ferrol/Ortegal, en representación de Abanca; e unha representación da Xunta Directiva do Clúster e das súas entidades asociadas.
“O sector cambia e os Paraugas evolucionan con el. Queremos recoñecer a diversidade do talento galego e facer visible o valor que a comunicación, o deseño e o marketing achegan ás empresas e á sociedade”, sinalou Marta Ferro.
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol expresou a súa satisfacción por que esta cidade volva ser a elixida para acoller estes premios, que se converteron nun referente para o sector en Galicia. “Con esta cuarta vez creo que estou en disposición de dicir que Ferrol é xa parte da historia destes premios”, afirmou.
A presidenta do Clúster explicou que ·a nova estrutura permite distinguir mellor as achegas de cada disciplina” e que o deseño gráfico e o dixital contan con categorías diferenciadas. Ademais, incorpóranse recoñecementos específicos para ámbitos como as redes sociais e a comunicación. Alén disto, os premios “poñen o foco na eficacia das estratexias, na construción de marca e na capacidade dos proxectos para xerar un impacto positivo”, sinalou.
Entre as novidades figura tamén unha categoría dedicada ás accións vinculadas a Galicia, coa que se recoñece a contribución da comunicación e da mercadotecnia á promoción da identidade, da lingua, da cultura e do territorio.
O Premio Estudantes mantén, pola súa banda, a aposta por dar visibilidade ao talento que se incorpora á profesión.
Proxectos para grandes marcas e talento das catro provincias

Entre os finalistas figuran proxectos para marcas como Estrella Galicia, FNAC, GADIS, FEIRACO ou o R. C. Deportivo da Coruña. É o caso de Hielo Estrella Galicia, de Imaxe, Havas Media e Evercom, seleccionado en idea creativa e campaña publicitaria; das propostas de Recados Carmen para FNAC, con Dumbphone en idea creativa e Menos Smart en campaña publicitaria e comunicación; ou de idealo x La Velada del Año VI, de Brutal Studios, que opta aos premios de redes sociais e eficacia en mercadotecnia. A selección inclúe tamén Lenzos, as letras en cor e Mucho que contar, de Nasas para GADIS; a nova identidade do Deportivo; e iniciativas culturais e musicais como O Son do Camiño, de Esmerarte.
A relación de finalistas reúne axencias e estudos das catro provincias galegas, con propostas de Nasas, na Coruña; Atalaya Comunicación, en Lugo; Casa Pransa, en Ourense; e Chachachá Studio, en Vigo, entre outras. Os seus traballos amosan a variedade de ámbitos que recoñecen os premios: desde as campañas de Nasas para Gadis ata Morte segura, de Atalaya Comunicación para Serfuja, finalista en impacto positivo; Mar de Santiago, de Casa Pransa, en creación ou estratexia de marca; e SUS-SOIL: infografía animada, de Chachachá Studio, en deseño dixital.
A escolma correu a cargo dun xurado integrado por quince profesionais vinculados a Galicia e presidido pola directora creativa executiva Xisela López, que reúne experiencia en creatividade, deseño, comunicación, medios e eventos.
Un recoñecemento ao compromiso co deseño
A gala do 13 de novembro acollerá tamén a entrega do Premio Paraugas de Honra Galicia Calidade a José María Fonseca Moretón, impulsor da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda – Concurso Francisco Mantecón. O Clúster distingue o seu compromiso coa promoción, o recoñecemento e a posta en valor da creatividade e do deseño, coincidindo co 25 aniversario do certame, que reuniu ao longo da súa historia 23.300 carteis de creadores de 107 países.
Os XI Premios Paraugas están organizados polo Clúster da Comunicación de Galicia e contan coa Xunta de Galicia, Galicia Calidade, Xacobeo 2027 e o Concello de Ferrol como aliados institucionais estratéxicos; coa Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e a Deputación da Coruña como entidades colaboradoras; e con Raiola Networks, CESUGA, Estrella Galicia, Abanca, Vandal e tac! como patrocinadores colaboradores. Markea, Creatividade Galega, Dircom e OPC Galicia participan como colaboradores sectoriais, mentres que a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e Servizos Gráficos colaboran coa iniciativa.
Listaxe completa de finalistas
- Premio Paraugas á mellor produción gráfica
Exposición permanente CMAG Vigo, de Imprimeverde para o Concello de Vigo. - Premio Paraugas ao mellor deseño gráfico
Iogures gregos e galegos, de Idea Creatividad y Comunicación para FEIRACO.
Presentes, de Fémur para a Xunta de Galicia.
Restyling Brand de Arión, de Imaxe Intermedia. - Premio Paraugas ao mellor deseño dixital
SUS-SOIL: infografía animada, de Chachachá Studio para SUS-SOIL/FEUGA.
Castelao. A derradeira leición do mestre, de Orestes Comunica para o Museo de Pontevedra. - Premio Paraugas á mellor idea creativa
Acariciadores de muebles, de Recados Carmen para Malasa.
Hielo Estrella Galicia, de Imaxe, Havas Media e Evercom para Hijos de Rivera.
Dumbphone, de Recados Carmen para Fnac. - Premio Paraugas á mellor campaña publicitaria
Na galega os anuncios duran para sempre, de Tío Phill para CSAG-TVG.
Hielo Estrella Galicia, de Imaxe, Havas Media e Evercom para Hijos de Rivera.
Menos Smart, de Recados Carmen para FNAC. - Premio Paraugas á mellor acción ou estratexia en redes sociais
Siempre mascotas nunca menoscotas, de Lapera para Lenda Pet Food.
Cluedo Estrella Galicia 0,0. El misterio de las cervezas robadas, de Seteseis Comunicación e Creatividade.
idealo x La Velada del Año VI, de Brutal Studios. - Premio Paraugas á estratexia de márketing máis eficaz
Birdmind at 3DAYSOFDESIGN, de Closet Comunicación.
idealo x La Velada del Año VI, de Brutal Studios.
Siempre mascotas nunca menoscotas, de Lapera para Lenda Pet Food. - Premio Paraugas á mellor creación ou estratexia de marca
Branding Auga das Traídas de Tomiño, de Nuria Carballo Studio.
Nova identidade. Mesmo sentimento, do R. C. Deportivo da Coruña.
Mar de Santiago, de Casa Pransa. - Premio Paraugas á mellor acción ou estratexia de comunicación
Acariciadores de muebles, de Recados Carmen para Malasa.
XEAL: influencia e alcance estatal e europeo dende a Costa da Morte, de Atrevia.
Menos Smart, de Recados Carmen para FNAC. - Premio Paraugas á mellor acción ou estratexia vinculada a Galicia
Lenzos, as letras en cor, de Nasas para Gadis.
Novo reposicionamiento marca da CSAG-TVG, de Tío Phill.
O galego xa é teu, de Nasas para a Comisión Interuniversitaria de Galicia. - Premio Paraugas á mellor acción de comunicación ou márketing de impacto positivo
Morte segura, de Atalaya Comunicación para Serfuja.
Mucho que contar, de Nasas para Gadis.
El Filtro, de Miraveo para Cruz Roja. - Premio Paraugas ao mellor evento corporativo
IV Foro de Activistas do Rural, de Atrevia para Grupo Lence.
Galicia Biodays, de ingenyus para Bioga.
Momento Calma – Foro da Muller e o Benestar na Peri e Menopausa, de Javier Varela. - Premio Paraugas ao mellor evento cultural, gastronómico ou musical
A nosa verbena 2026, de IDEA Creatividad y Comunicación para Estrella Galicia.
O Son do Camiño, de Esmerarte.
Xuventude na onda, de Closet Comunicación para a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia. - Premio Paraugas Estudantes
Galego de Peto-Minidicionario-chaveiro, de Larissa da Silveira.
Frecha-Escribe tu camino, de Micaela Mosquera.
Despierta Humano.Crea, de Lara Chao.

