
O xogo God of War Laufey, anunciado para o vindeiro mes de febreiro e co proceso de reservas aberto dende o pasado 29 de setembro, non chegará finalmente a tempo, pois Santa Monica Studio vén de comunicar que o lanzamento queda adiado ata o 20 de maio de 2027.
O estudio de Sony considera que a produción que narrará a viaxe de Faye polo Omnitempo non está aínda lista para o público, polo que prefiren dedicarlle uns meses máis para dar os toques finais e levar o título ata o que consideran que será o seu potencial completo.

O xogo protagonizado pola falecida esposa de Kratos (personaxe principal das numerosas entregas de God of War) foi toda unha sorpresa cando se anunciou, e semella que é un xeito de ter aos seareiros da franquía entretidos mentres agardan a que se faga realidade a serie televisiva que preparan para Prime Video, e que podería dar un novo pulo á saga de videoxogos, facilitando que teña máis entregas no futuro ou, cando menos, se realicen remakes dos primeiros xogos, que presentaban un estilo visual moi diferente ao actual, polo que son moi susceptibles a actualizarse.

