
O Clúster TIC Galicia celebrará o vindeiro mércores 18 de novembro unha nova edición de Enredatic, unha xornada de networking e negocios reservada ás empresas da entidade. O encontro desenvolverase a partir das 13:15 horas na Sala The Loft do Lux Events Center, situado no Parque Empresarial da Sionlla, en Santiago de Compostela.
A iniciativa busca facilitar o contacto entre as empresas do sector tecnolóxico galego, ampliar as súas redes profesionais e identificar oportunidades de colaboración para abordar proxectos conxuntos de maior envergadura. A programación combinará actividades de networking grupal con encontros individuais 1to1, nos que os participantes poderán establecer relacións con outras entidades segundo os seus intereses.
A xornada comezará cun cóctel de benvida ás 13:30 horas, seguido dunha presentación da dinámica de traballo e unha sesión de networking grupal. Ás 15:45 horas intervirá Leyton, consultora especializada en financiamento da innovación e optimización fiscal, que dará a coñecer distintas vías de aforro para as empresas.
A presentación abordará cuestións como as bonificacións nas cotas á Seguridade Social polo persoal investigador, as deducións fiscais por actividades de I+D+i e a optimización de tributos locais como o imposto sobre bens inmobles (IBI) e o imposto sobre actividades económicas (IAE).
O programa continuará cunha valoración dos servizos do Clúster TIC Galicia e unha sesión de encontros individuais a partir das 16:30 horas. O peche está previsto para as 18:00 horas.
As empresas interesadas poden inscribirse ata o mércores 11 de novembro.

