
Hai máis dun ano Sony Interactive Entertainment (SIE) anunciou os altofalantes Pulse Elevate, que destacarían por ser a primeira vez que a PlayStation contaría cuns altofalantes de escritorio, que tamén serían compatibles con ordenadores persoais.
No verán detallaron que os altofalantes Pulse Elevate abrirían as súas reservas o pasado 1 de setembro e chegarían ás tendas o 12 de novembro a un prezo de 219,99 euros, pero os plans da compañía nipoa veñen de mudar tras detectar que estes accesorios non superaban os controis de calidade durante a súa produción, polo que decidiron adiar o lanzamento sen dar unha previsión sobre cando estarán dispoñibles os Pulse Elevate (polo que podemos entender que non chegarán a tempo para a campaña de Nadal).

O atractivo destes altofalantes reside no feito de funcionar coa tecnoloxía PlayStation Link, polo que funcionaría coa PlayStation 5 sen fíos con baixa latencia e son de calidade, características que tamén podería manter en ordenadores persoais valéndose dun accesorio USB-C. Converteríase nunha solución ideal para escritorios nos que conviven consola e PC, especialmente no caso de usuarios que non queren empregar auriculares durante as súas partidas (os altofalantes incluso integran micrófono con redución de ruído para poder conversar comodamente durante o xogo en liña).
