
Santiago de Compostela reúne ata mañá a especialistas de distintos puntos de Europa para analizar os avances en intelixencia artificial e tecnoloxías cuánticas, dúas áreas cun peso crecente na investigación científica e no desenvolvemento de novas solucións tecnolóxicas.
A Quantum_Iber_IA International Conference 2026 celébrase na sede da Fundación Empresa-Universidade Galega, baixo a coordinación do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). O encontro permitirá compartir resultados de investigación, presentar novos desenvolvementos e debater sobre as aplicacións emerxentes destas tecnoloxías.
O programa inclúe sesións dedicadas aos modelos de linguaxe, as redes neuronais, a aprendizaxe automática cuántica, os algoritmos de optimización, a simulación e as comunicacións cuánticas. Entre os participantes figuran especialistas de diferentes comunidades autónomas e Portugal, así como representantes de iniciativas europeas como Quantum Flagship e de HiTZ Zentroa, o Centro de Tecnoloxías da Linguaxe da Universidade do País Vasco.
A conferencia forma parte do proxecto europeo Quantum_Iber_IA, coordinado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. A iniciativa agrupa 17 entidades de España e Portugal co obxectivo de reforzar a investigación e a innovación nestes dous campos e facilitar a transferencia dos seus resultados ao tecido produtivo.
O proxecto conta co cofinanciamento da Unión Europea a través do programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027 e busca fortalecer as capacidades tecnolóxicas do espazo transfronteirizo ibérico mediante a cooperación entre centros de investigación e entidades de innovación.
As aplicacións previstas abranguen sectores como a agroalimentación, a saúde, a ciberseguridade, a enerxía e o medio ambiente, nos que a combinación de intelixencia artificial e computación cuántica pode abrir novas posibilidades para o procesamento de información, a optimización de procesos e o desenvolvemento de ferramentas avanzadas.
