
A Universidade da Coruña celebrou o pasado sábado, 7 de novembro, a primeira edición de Abastos de Ciencia, unha iniciativa que converteu o Mercado de San Agustín nun espazo de encontro entre a divulgación científica, a experimentación e a gastronomía. O CITIC da UDC tivo presenza destacada nesta xornada coa participación de José A. Iglesias Guitián e Diego Álvarez Estévez, que achegaron á cidadanía cuestións relacionadas coa informática, as novas tecnoloxías e a intelixencia artificial.
A proposta, enmarcada no proxecto InPacto, combinou obradoiros participativos, mesas redondas e actividades gastronómicas e culturais co obxectivo de achegar a investigación universitaria á cidadanía e a públicos de todas as idades. A través desta axenda, as persoas asistentes puideron coñecer de preto o traballo investigador que se desenvolve nos diferentes centros, facultades e grupos da UDC, entre eles o CITIC, nunha xornada que abrangueu disciplinas tan diversas como a fisioterapia, a informática, a enxeñaría, a economía, a sustentabilidade, a educación, a historia, a xeoloxía e as ciencias sociais.
O CITIC, presente nas conversas sobre novas tecnoloxías e intelixencia artificial
Durante a xornada celebráronse catro mesas redondas protagonizadas por persoal investigador Ramón y Cajal da UDC, que desenvolve a súa actividade en diferentes centros de investigación da universidade, como o CICA, o CITEEC, o CITENI e o CITIC.
O CITIC estivo representado por dous dos seus investigadores. José A. Iglesias Guitián participou na conversa Comprender o invisible: modelos, simulacións e novas tecnoloxías, xunto a José Luis Rodríguez Sánchez e Antonio José Álvarez Naveira. O encontro permitiu abordar o papel dos modelos e das ferramentas tecnolóxicas na comprensión e representación de fenómenos complexos.
Pola súa banda, Diego Álvarez Estévez formou parte da mesa Cerebro e vida cotiá: como pensamos, nos comunicamos e regulamos o corpo, xunto a José Luís Pardo Vázquez, Silvia Martínez Ferreiro e Luís Varela Fernández. A conversa achegou diferentes perspectivas científicas sobre o funcionamento do cerebro e a súa relación coa vida cotiá.
As outras dúas mesas redondas abordaron cuestións de actualidade desde unha perspectiva multidisciplinar. A primeira, titulada Un planeta en transformación: pasado, presente e futuro, contou coa participación de Armand Hernández Hernández, Pablo Pita Orduna, Blanca Moncunill Solé e Luis Alejandro Blanco Calvo. A terceira, As fronteiras da medicina: detectar, tratar e rexenerar, reuniu a Juan Antonio Fafián Labora, Aurora Rodríguez Rodríguez, María Elena Rodríguez García-Rendueles e Ana Rey Rico.
