
O Albergue Lug 2 de Lugo acollerá esta fin de semana a celebración da Tech Creative Jam, un encontro dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos interesados en explorar as posibilidades das TIC e desenvolver ideas con aplicación no medio rural. A actividade, organizada por Vida Láctea, desenvolverase este sábado 14 e domingo 15 de novembro e forma parte do proxecto europeo LIRES, que impulsa a participación da mocidade e a creación de oportunidades nos territorios rurais.
A axenda incluirá actividades arredor da fabricación dixital, a creación de contidos, os recursos interactivos e o emprendemento mediante diversos obradoiros. Por temáticas figuran actividades de corte láser, desenvolvemento de videoxogos, creación de mascotas virtuais, elaboración de prototipos electrónicos con intelixencia artificial e deseño 3D mediante a ferramenta Onshape. Tamén haberá unha sesión centrada na mercadotecnia.
O formato
Segundo explica a organización, “unha creative jam é un evento que xunta a xente nova, socios, axencias e tomadores de decisións para facilitar a oportunidade de ser creativos e construír prototipos para abordar problemas sociais a través de obradoiros e un hackathon“. En cada quedada creativa hai unha serie de temáticas a abordar. As ideas, servizos e produtos que creas deberían ligarse ao tema do evento. Para a de Lugo desta fin de semana seleccionouse o futuro do rural de Lugo.
O programa da xornada pódese consultar na web do proxecto europeo LIRES.
