
A adaptación do comercio galego aos novos hábitos de consumo e ás posibilidades que ofrecen a dixitalización e a intelixencia artificial centrou unha xornada celebrada en Ribadeo. O encontro, organizado pola Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia) coa colaboración de Acisa Ribadeo, serviu para achegar aos comerciantes ferramentas prácticas coas que afrontar os cambios tecnolóxicos e mellorar a competitividade dos seus negocios.
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou na sesión acompañado pola xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez. Alén incidiu na importancia da colaboración co sector comercial para abordar estes desafíos, unha liña de traballo que a Xunta enmarca no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

A xornada, na que tamén estiveron presentes o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, e o presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas, abordou diferentes aplicacións da intelixencia artificial na actividade comercial. Entre elas figuran o apoio á comunicación, a creación de contidos, a atención á clientela e a organización interna dos establecementos.
As sesións tamén trataron as obrigas legais asociadas ao comercio electrónico, con especial atención aos dereitos dos consumidores, as políticas de devolucións e as garantías. A seguridade dixital ocupou outro dos bloques de traballo, centrado nas principais medidas de prevención fronte aos riscos de ciberseguridade que poden afectar os negocios.
A iniciativa pretende facilitar que os pequenos establecementos incorporen recursos tecnolóxicos á súa actividade diaria e poidan responder con máis garantías á transformación dos hábitos de compra.
