
A quinta edición do foro Cibertech do Círculo de Empresarios de Galicia reunirá mañá en Vigo empresas, expertos e profesionais para analizar os desafíos actuais da ciberseguridade e as medidas necesarias para reforzar a protección das organizacións. Baixo o lema Tecnoloxía, regulación e talento para afrontar as novas ameazas, o encontro conta co patrocinio de R e Abanca e pretende ofrecer orientación práctica para mellorar a resiliencia empresarial e anticiparse aos riscos tecnolóxicos.
Alfredo Ramos, director territorial de R de Orange en Galicia, María Borrás, presidenta do Círculo, e José Manuel Nogueira, director de banca institucional de Abanca, abrirán a xornada cunha análise dos retos aos que se enfrontan as empresas ante o avance da intelixencia artificial, a dependencia tecnolóxica, os riscos asociados a terceiros e as novas esixencias regulatorias.
David Ortega, responsable de negocio de Ciberseguridade de Orange, participará nunha mesa de debate con representantes de Gradiant, Abanca e CTAG dedicada á ciberseguridade, as infraestruturas e a resiliencia empresarial. Os participantes examinarán a evolución das ameazas e a capacidade das organizacións para responder cando a tecnoloxía, as comunicacións, os provedores ou as infraestruturas se converten en obxectivos de ataques. A conversa abordará cuestións como a anticipación dos riscos, a resposta ante incidentes e a continuidade das operacións.
Susana Rey, da Oficina de Privacidade e IA de R do grupo Orange, moderará outra mesa con representantes de Abanca, AMTEGA, APDTIC e dooingIT centrada na gobernanza do risco dixital e na súa relación co cumprimento normativo. A evolución da regulación, a incorporación da intelixencia artificial e a dependencia crecente de provedores externos están a modificar as responsabilidades das organizacións.
O debate analizará os cambios que estas esixencias introducen para empresas e administracións, así como as posibilidades de integrar o cumprimento normativo, a privacidade e a xestión do risco nas decisións empresariais para reforzar a protección das organizacións.
A directora da Cátedra R en Ciberseguridade, Ana Fernández Vilas, abordará con representantes de Tecnópole e da UIE a dispoñibilidade de profesionais cualificados para responder á crecente demanda de capacidades neste ámbito. A sesión permitirá analizar os perfís que necesitan as empresas e as vías para acelerar a formación e actualización dos especialistas, cun papel relevante das universidades, o tecido empresarial e as novas fórmulas de capacitación.
O programa tamén inclúe cuestións como a guerra híbrida, a identidade dixital, a criptografía postcuántica e as infraestruturas de intelixencia artificial. A xornada concluirá cunha conversa sobre as prioridades que deberán marcar a ciberseguridade en 2027 e cun espazo de networking destinado a favorecer o intercambio de experiencias e a creación de novas colaboracións.
