
O Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública publicou onte a proposta de resolución definitiva da convocatoria do programa 5G Redes moi rurais, que adxudica 17,46 millóns de euros a dous operadores de telecomunicacións, Orange Espagne S.A e Telefónica Móbiles España S.A. O obxectivo do programa é “financiar a despregadura da 5G en zonas que actualmente carecen de cobertura 4G e/ou 5G, e nas que non estaba previsto que chegasen estas tecnoloxías nos próximos tres anos”, segundo explicou o Ministerio para a Transición Dixital. Os proxectos teñen un orzamento superior aos 26 millóns de euros.
Orange resultou adxudicataria de 12,24 millóns de euros para instalar 5G en 82 emprazamentos, que darán cobertura a 230 zonas rurais, mentres que Telefónica recibirá unha axuda de 5,22 millóns para despregar 5G en 47 emprazamentos que cubrirán 128 zonas rurais. As axudas desta convocatoria permitirán estender tecnoloxía móbil 5G en zonas rurais de practicamente todas as comunidades autónomas.
Murcia, Galicia e Canarias son, por esa orde, as comunidades autónomas onde se cubrirán o maior número de zonas rurais, 242. Pola súa banda, Galicia é a comunidade autónoma onde se instalará o maior número de emprazamentos, 38 dos 129 totais.
Esta convocatoria está cofinanciada (15,1 millóns de euros) polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Ademais, 2,3 millóns de euros de orzamento nacional permitirán a despregadura de tecnoloxía 5G en 45 zonas rurais adicionais situadas en Andalucía, Aragón, Cantabria, Cataluña, Comunidad de Madrid, Comunidade Valenciana, Illas Baleares e País Vasco.
Ademais dos emprazamentos incluídos nos proxectos adxudicados, as operadoras incorporaron unha bolsa de reserva formada por 133 emprazamentos adicionais, capaces de proporcionar cobertura a outras 395 zonas elixibles. Estes emprazamentos poderán activarse no caso de que algún dos inicialmente seleccionados non resulte finalmente viabel para a súa execución.
A Galicia destínase un orzamento financiable de 8.077.959,00 euros, con 4.846.758,60 en axudas e 38 emprazamentos 5G previstos (81 zonas rurais).
