
Cinfo presentou o seu Centro Dixital de Servizos de Vídeo, situado na Cidade das TIC da Coruña, unha infraestrutura desde a que se coordinan as producións audiovisuais da plataforma tiivii e que permite retransmitir competicións deportivas de centos de clubs mediante sistemas de gravación automatizada.
O centro conta cunha rede de 329 cámaras que cada fin de semana producen e emiten máis de 700 eventos deportivos de 200 clubs, cunha comunidade que supera os 80.000 usuarios rexistrados. O desenvolvemento desta infraestrutura contou co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou as instalacións a semana pasada, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, Roberto García. Durante o percorrido destacou as posibilidades que ofrecen estas tecnoloxías para mellorar a seguridade nas instalacións deportivas, favorecer a difusión das competicións e abrir novas oportunidades económicas para o sector.
Os sistemas de gravación e análise de imaxes permiten revisar incidentes e achegar ferramentas adicionais para previr comportamentos violentos, así como facilitar a actuación dos responsables deportivos. Tamén poden resultar útiles para o traballo arbitral, tanto na revisión de xogadas como na formación dos colexiados.
A retransmisión automatizada ten, ademais, unha especial relevancia para os clubs modestos e as categorías de base, que poden gañar visibilidade sen necesitar grandes despregaduras técnicas nin equipos humanos dedicados á produción audiovisual. Esta difusión tamén pode favorecer a captación de patrocinadores e a xeración de novas fontes de ingresos para as entidades deportivas.

