
Desde o ano 2023, o grupo Aerolab da Universidade de Vigo e a empresa de orixe ourensá COPASA desenvolven o proxecto o Airis, centrado en dixitalizar e automatizar a inspección das infraestruturas ferroviarias de alta velocidade mediante visión artificial, sensores ópticos, comunicacións 5G e técnicas de intelixencia artificial. Coordina a iniciativa por parte da UVigo o profesor e investigador Higinio González. A iniciativa celebrou onte a súa xornada de peche poñendo en valor como os sistemas desenvolvidos no seu seo permiten” mellorar significativamente a eficiencia das operacións de mantemento ferroviario e reforzar a seguridade mediante a identificación máis rápida de incidencias”.
O proxecto Adaptative and intelligent railway inspection system (Sistema de inspección ferroviaria adaptativo e intelixente) está financiado cun total de 568.906,62 euros pola convocatoria de colaboración público-privada 2023 da Agencia Estatal de Investigación, do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e fondos da Unión Europea NextGeneration. Nel participa por parte da Universidade de Vigo o grupo de Sistemas Aeroespaciais e de Transporte-Aerolab, con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense e pertencente ao Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae).
Na apertura da xornada celebrada onte no edificio Politécnico, Monserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense, enxalzou o traballo realizado no marco deste proxecto nunha temática que, apuntou, “está actualmente no foco de atención pública como é a seguridade ferroviaria”.

Sobre o impacto acadado polo proxecto, os seus responsables salientaron que “a automatización da inspección permitiu mellorar significativamente a eficiencia das operacións de mantemento ferroviario ao reducir a dependencia das revisións manuais, incrementar a frecuencia de avaliación da infraestrutura e aumentar a capacidade de detección temperá de defectos”. Así mesmo, engadiron, “os sistemas desenvolvidos contribuíron a reforzar a seguridade ferroviaria mediante a identificación máis rápida de incidencias susceptibles de evolucionar cara a defectos críticos para a explotación da vía”. Ademais, as tecnoloxías implementadas optimizaron as tarefas de inspección e conservación das liñas de alta velocidade, favorecendo unha redución dos custos asociados ao mantemento destas infraestruturas, tradicionalmente máis elevados que os das liñas ferroviarias, sinalaron.

Máis polo miúdo, cinco son os principais resultados acadados no proxecto destacados durante a xornada de balance. O primeiro deles é o desenvolvemento dunha arquitectura intelixente de inspección ferroviaria, apuntando como “o equipo deseñou e validou un sistema centralizado capaz de recibir información procedente de sensores ópticos embarcados en dresinas, permitindo automatizar os procesos de inspección das vías férreas”.
O segundo foi a integración e proba de tecnoloxías avanzadas de sensórica, concretamente de sistemas ópticos de inspección para a captura automática de información da infraestrutura ferroviaria; de tecnoloxías LiDAR para a caracterización tridimensional da vía e da súa contorna e de algoritmos de procesamento de datos e intelixencia artificial para a detección e clasificación automática de anomalías.

Igualmente entre os resultados acadados os responsables de Airis indican a automatización da detección de defectos. “Os sistemas desenvolvidos demostraron capacidade para identificar automaticamente distintos problemas de mantemento, entre eles gretas en travesas de diferentes tipoloxías; ausencia de parafusos, clips e outros elementos de fixación; alteracións na xeometría do balastro; presenza de area ou outros elementos alleos na infraestrutura e deficiencias susceptibles de afectar á seguridade e á explotación da vía”, explicaron.

O proxecto tamén acadou o procesamento da información en tempo real directamente a bordo dos vehículos de inspección, “mantendo capacidades operativas a velocidades de ata 75 km/h e xerando alertas automáticas ante a detección de incidencias”.
Finalmente, desde Airis comentaron que a iniciativa “consolidou unha metodoloxía baseada na monitoraxe continua do estado da infraestrutura, proporcionando información obxectiva para a implantación de estratexias de mantemento preditivo e optimización dos recursos de conservación”.
Na fase final do proxecto, o equipo da UVigo traballa agora na súa continuación coa busca de socios tecnolóxicos de cara a avanzar cara a industrialización do prototipo desenvolvido.

