Para reter aos usuarios en Facebook e ter un maior control sobre os contidos que consomen dende a compañía de Mark Zuckerberg promoveron os artigos instantáneos, formato de contido optimizado para dispositivos móbiles que achega aos usuarios unha versión alternativa das páxinas web pensando na pantalla do seu smartphone e axilizando os procesos de carga, o que supón unha mellora da experiencia que busca convencer aos editores para a súa adopción masiva.
Pero este formato parece ter iniciado o seu retroceso, con grandes editores que detectaron que lles resulta máis doado tirar rendemento económico das visitas na súa páxina web que a través dos artigos instantáneos, o que levou a Facebook a planificar un novo xeito de incentivalos: a posibilidade de permitir subscricións.
Esta nova característica viría a ser un dos muros de pagamento cada vez máis frecuentes en certos medios de comunicación, de xeito que unha vez que un lector acceda a un certo número de artigos (10) precisaría da realización dunha subscrición de pagamento para poder continuar lendo, o que podería resultar de grande interese para algunhas cabeceiras.
Polo momento non se coñecen os detalles desta nova prestacións, pero o feito de que sexa posible subscribirse aos artigos instantáneos dun medio a través da aplicación móbil de Facebook esperta interese por explorar un dos camiños que a prensa pode querer percorrer nos vindeiros años para paliar os cambios no sector publicitario.
Facebook prepara subscricións para os artigos instantáneos
Compartir Este Artigo
