
O CITIC da UDC e a Facultade de Informática da Universidade da Coruña celebran este xoves e venres, 15 e 16 de outubro, a novena edición do Congreso XoveTIC, un encontro dirixido a investigadores e investigadoras júnior, tanto predoutorais como posdoutorais, que ofrece “un espazo para presentar os seus traballos científicos, intercambiar coñecementos e fomentar o debate no ámbito das TIC”.
O congreso reúne 150 investigadores novos, que terán a oportunidade de asistir a 35 comunicacións orais, coñecer os 29 pósteres científicos e participar en dúas sesións plenarias.

A apertura institucional, celebrada esta mañá no centro TIC da Universidade da Coruña, contou coa participación de Manuel González Penedo, director do CITIC; Laura Castro Souto, vicerreitora de Estratexia Dixital e IA da UDC; José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta; José Luis Morillo, conselleiro técnico da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), e María Amparo Alonso Betanzos, catedrática da UDC e investigadora do CITIC.
Tralas intervencións institucionais, a investigadora do centro Olga Zamaraeva, doutora en Lingüística Computacional pola Universidade de Washington, impartiu a conferencia plenaria From Structure to Story: Navigating an International Career in Artificial Intelligence, centrada nas oportunidades e nos desafíos dunha traxectoria profesional internacional no ámbito da intelixencia artificial.

A intelixencia artificial, a ciencia de datos e as tecnoloxías inmersivas protagonizaron a primeira xornada, con investigacións centradas nas aplicacións das tecnoloxías dixitais a ámbitos como a enerxía, a industria e a sustentabilidade. As comunicacións orais abordaron modelos preditivos para a xeración de enerxía renovable, a detección de anomalías, a análise de emisións ambientais e o uso da realidade virtual para a regulación emocional e a avaliación da accesibilidade residencial.
As sesións tamén están dedicadas ao procesamento da linguaxe natural, aos modelos de IA, á robótica e á computación de altas prestacións.

Os pósteres mostran a diversidade de aplicacións das TIC en sectores como a saúde, a industria e os servizos.
Entre os proxectos presentados destacan o uso da intelixencia artificial e da aprendizaxe profunda para detectar a depresión, a simulación cirúrxica mediante realidade mixta e o estudo de enfermidades como o párkinson a través de contornas virtuais. Tamén se expoñen avances en aprendizaxe automática, modelos de linguaxe, clasificación de datos científicos e xeración de contornas virtuais.
A industria e a sustentabilidade completan o programa con propostas sobre robótica, clasificación tridimensional de compoñentes navais, consumo doméstico de auga e computación na nube.
A segunda xornada, este venres 16, incluirá novas sesións de comunicacións orais sobre aplicacións da intelixencia artificial e da aprendizaxe profunda en ámbitos como a saúde, a rehabilitación, a robótica e a clasificación de datos científicos.
O programa concluirá cunha segunda sesión plenaria impartida por Inés Rey, alcaldesa da Coruña, seguida da entrega de premios aos traballos presentados e do acto de clausura.
Os galardóns, promovidos por distintas cátedras e entidades colaboradoras, “recoñecerán as contribucións científicas máis destacadas en ámbitos específicos das tecnoloxías da información e as comunicacións, poñendo en valor a excelencia investigadora, a innovación e a calidade dos traballos presentados”, informou o CITIC da UDC.
Os premios que se entregarán serán os seguintes:
- Premio Cátedra R, que distinguirá o traballo máis relevante no ámbito da seguridade, entendida en sentido amplo, desde a ciberseguridade aplicada ás TIC ata outros eidos relacionados.
- Premio Cátedra Aldaba-WIB (Women, ICT & Business), destinado a recoñecer o traballo máis relevante cuxa primeira autora sexa unha muller.
- Premio ITG-ARQADE, que recoñecerá o traballo máis destacado no ámbito das tecnoloxías cuánticas.
- Premio CPEIG, ao mellor traballo cuxo primeiro autor sexa estudante ou titulado en Enxeñaría Informática.
- Premio Clúster TIC ao mellor póster, que distinguirá a mellor contribución científica presentada neste formato.
- Premio Clúster TIC á mellor comunicación oral, destinado a recoñecer a presentación científica oral máis destacada.
- Premio Fundación CITIC, ao traballo máis relevante no ámbito da investigación básica ou teórica.
- Premio Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña (ICACOR), que recoñecerá o traballo máis destacado no ámbito ético-xurídico.
- Premio Cátedra Denodo-UDC de Enxeñaría de Datos, IA e Innovación Tecnolóxica, ao traballo máis relevante en enxeñaría de datos e intelixencia artificial.
