Quen queira videoxogos e xogar entre compañeiras/os, vai ter este mes unha oportunidade de facelo en Ourense. Así o fixo saber onte o Concello, na presentación da quinta edición do Torneo de Magic e Vídeoxogos (TMV), un evento de lecer alternativo que se celebra no Espazo Lusquiños os días 7, 21 e 28 de outubro en horario ao público de 10:30 a 22:00 horas. Segundo fixeron saber os organizadores do evento, o torneo congregará máis de 300 participantes e “servirá de ligazón para outros torneos máis prestixiosos”. Estas son as previsións de Alberto Núñez Blanco e José María Miguel Martín, impulsores da quedada, que ten o apoio da Concellería de Xuventude que dirixe Sofía Godoy.
Segundo fixeron saber acerca dos torneos competitivos, a proba de Magic será a principal referencia, este ano no formato Modern. Repartiranse 1.500 euros en premios, converténdose así, en palabras dos organizadores, “nun dos mellores e máis referenciais torneos da Península”. De feito, a previsión é que asistan xogadores procedentes de toda España e de Portugal.
Na parte dos videoxogos, o FIFA 18 (“xogo de simulación futbolística por excelencia”, en palabras de Núñez e Miguel) será o torneo competitivo máis importante. Repartiranse 500 euros en premios.
Como colofón final, e aproveitando o quinto aniversario de TMV, por primeira vez os torneos de videoxogos e X-Wing serán de balde. Toda a información, normativa e horarios detallados, están dispoñibles no Facebook da cita ourensá, TMV Ourense.
Máis de 300 persoas participarán no quinto Torneo de Magic e Videoxogos de Ourense
Compartir Este Artigo

