Que Fortnite sexa un xogo de balde non impide que os fabricantes de consolas lancen lotes de consola + xogo con este título, e ao igual que o fixo Sony coa súa PS4, agora chega Nintendo e anuncia que o 5 de outubro porá á venda un lote de consola Nintendo Switch que inclúe 1.000 paVos (a moeda do xogo) e o Double Helix Bundle (que inclúe unha aparencia única, unha mochila, un planador e un pico). Fortnite, pola súa banda, continúa a poder descargarse de balde da Nintendo eShop.
Pese a que Fortnite xa leva bastantes semanas en iOS e a súa versión para Android está dispoñible en probas para cada vez máis dispositivos, a plataforma móbil que está a ter mellor aceptación entre os xogadores é a Nintendo Switch, posiblemente por ter un sistema de control máis tradicional, no que os dedos non dificultan a visión da pantalla, e as mecánicas de xogo son máis semellantes ao dos ordenadores persoais e as consolas domésticas.
Nun par de semanas teremos un lote de Nintendo Switch co xogo Fortnite
Compartir Este Artigo

