Levamos un tempo agardando polo Mario Kart Tour, xogo de carreiras de Mario para móbiles, que adiou o seu lanzamento ata o verán, pero os usuarios de Android no Xapón e en EE.UU. poden xa gozar da súa versión de proba, de xeito que xa podemos facernos unha idea do que achegará este título free-to-play cargado de micropagamentos e elementos na liña das caixas de botín, que para moitos son o máis detestable dos xogos móbiles actuais.
Os contidos deste xogo móbil están baseados nos dos videoxogos de consola, de xeito que temos aos seus personaxes e tamén os seus circuítos. Por exemplo, o circuíto do titorial, chamado Toad Cup, trátase do Choco Island 2 do Mario Kart de Super Nintendo; o Toad Circuit está sacado do xogo para Nintendo 3D; e Dino Dino Jungle vén a ser o Double Dash do xogo para GameCube. Iso si, comentan que os circuítos manteñen a aparencia, pero son un pouco máis curtos.
Para ir desbloqueando circuítos haberá que conseguir estrelas completando carreiras e desafíos, pero chega un momento no que haberá que pasar por caixa para poder gozar dunha experiencia completa, como é habitual neste tipo de xogos, aínda que cómpre salientar que esta fase de probas é precisamente a que serve aos desenvolvedores para equilibrar o funcionamento dos micropagamentos, que é o elemento chave para facer que este título que captará a atención de millóns de xogadores de todo o mundo sexa un éxito comercial ou non.
Aínda que a beta limítase a Android, o xogo final tamén contará con versión para iOS.
O Mario Kart para móbiles inicia as súas probas
Compartir Este Artigo

