O pasado outono Microsoft anunciou que a súa vindeira plataforma de xogo mediante streaming chamaríase Project xCloud, ofrecendo a posibilidade de gozar de xogos de consola doméstica en dispositivos móbiles cun nivel gráfico que sería imposible de depender directamente dos procesadores destes trebellos, e agora avanzan máis detalles sobre esta plataforma de grande potencial para revolucionar o xeito de entender os videoxogos.
Aseguran que Project xCloud xa está dispoñible a través dos centros de datos de 13 rexións de servidores de Azure, buscando así chegar aos principais centros de desenvolvemento de videoxogos de Norte América, Asia e Europa, de xeito que compañías como Capcom ou Paradox Interactive poden xa probar os seus xogos directamente en Project xCloud sen ter que convertelos a esta nova plataforma, xa que esta tecnoloxía permite gozar sen cambios de máis de 3.500 videoxogos das tres xeracións de consolas Xbox, o que supón unha vantaxe inmensa, xa que non precisará de investimento en desenvolvemento para levar os xogos que funcionen nunha Xbox a calquera dispositivo compatible con este novo servizo de xogo en streaming.
Dende Microsoft aseguran que actualmente hai máis de 1.900 xogos en desenvolvemento para Xbox One, que poderían funcionar a través de Project xCloud e, aínda que os xogadores poidan seguir a traballar con normalidade sen ter que facer nada especial para compatibilizar os seus títulos para a nova plataforma, o novo kit de desenvolvemento para Xbox engade soporte para o streaming de xogos, o que significa que ao programar os mesmos o software saberá se está correndo directamente en consola ou a través de streaming, e neste último caso podería axustarse para, por exemplo, presentar textos en maior tamaño (para que sexan lexibles nunha pantalla de móbil) ou realizar a asignación de xogadores nunha partida en liña a outros usuarios que estean no mesmo servidor (reducindo considerablemente os problemas de latencia).
Os xogos das tres xeracións de consolas Xbox poderán xogarse en streaming
Compartir Este Artigo

