Microsoft amosa o funcionamento do seu sistema de xogo en streaming

mércores, 13 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Dende Google están a anunciar que o vindeiro martes no marco da Game Developers Conference van presentar a súa «visión para o futuro dos videoxogos», ou sexa, a súa plataforma de streaming de videoxogos e, casualmente, Microsoft tamén está a adiantar información na mesma dirección, e deixou ver en acción o funcionamento do seu Project xCloud, anunciado o pasado mes de outubro.
Este proxecto de Microsoft ofrecerá xogos en streaming como complemento ás consolas de videoxogos pero tamén como un método de ampliar as posibilidades de xogo, de xeito que os títulos de Xbox poderán gozarse directamente nun televisor 4K conectado á Rede (gozando incluso de imaxe HDR e son envolvente) ou incluso nun smartphone ou unha tableta, e precisamente nesta última liña demostraron o funcionamento do Project xCloud (co xogo Forza Horizon 4) nun smartphone con Android na última entrega dos vídeos de Inside Xbox.
Está previsto que o Project xCloud chegue ao mercado a finais de ano, e desta volta non tería unha expansión sumamente lenta como PlayStation Now (que chegou a España 5 anos despois da súa presentación) xa que basearíase na infraestrutura de Azure, con servidores repartidos en 54 rexións de todo o mundo, polo que podería chegar de xeito doado a un público potencial de máis de 2.000 millóns de xogadores.
É razoable pensar que os contidos que ofrecerá inicialmente o Project xCloud serán os xogos incluídos en Xbox Game Pass, o que podería supor o pulo definitivo para este servizo de subscrición, que chegaría así máis aló das plataformas de Microsoft, consolidando o xogo en streaming grazas a un potente catálogo e a unha infraestrutura de rede líder no seu sector.

Vídeo no que podemos ver Forza Horizon 4 correndo nun smartphone con Android grazas ao Project xCloud

PUBLICIDADE