En setembro Nintendo fixo unha das súas máis importantes apostas polo xogo móbil co lanzamento de Mario Kart Tour, xogo para iOS e Android que permite gozar do clásico Mario Kart baixo a modalidade free-to-play, aínda que con certas limitacións para ter unha experiencia de xogo inferior á da versión para Nintendo Switch, e con mecánicas que buscan que os xogadores teñan que pasar por caixa periodicamente para progresar a bo ritmo.
Un dos detalles máis salientables da versión móbil de Mario Kart era que só podía xogarse co dispositivo móbil en vertical, o que limita o ángulo de visión, creando unha sensación moi diferente á do xogo de consolas, pero esta diferenza vai pasar á historia nas vindeiras horas, xa que está previsto que mañá Mario Kart Tour reciba unha actualización que incorpore como grande novidade o modo horizontal, que non só muda o ángulo de visión, senón que tamén ofrece un esquema de control novo, de xeito que haberá moitos xogadores que estarán encantados de dar unha nova oportunidade a este xogo confiando en conseguir unha experiencia o máis semellante posible á do xogo de Switch. O xogo tamén estreou modo multixogador en marzo, polo que cada vez ten máis funcionalidades que o converten nun título a ter moi en conta, aínda que lonxe das previsións que tiña Nintendo na súa división móbil, que en vista dos seus discretos resultados está a contraerse, de xeito que xa non sabemos de ningún outro grande lanzamento previsto a longo prazo.
Cómpre lembrar que Nintendo fixo unha decidida aposta polo xogo móbil nun momento no que a Wii U estaba a ser un rotundo fracaso, e parecía que as consolas de videoxogos non terían futuro, pero o éxito da Nintendo Switch deixou claro que as consolas aínda teñen moito camiño por diante, e os modelos de negocio free-to-play e de xogo mediante subscrición non son todo o solventes que deberían para que unha compañía como Nintendo poida confiar neste sector para soster as súas franquías.
Vídeo no que dan a coñecer a nova actualización de Mario Kart Tour

