En 2004 o videoxogo Vampire: The Masquerade – Bloodlines fixo un achegamento á serie dos xogos de rol Mundo de Tinieblas, e dende Paradox Interactive están a traballar duro na súa secuela, que tiña previsto chegar ao mercado este mesmo ano, ata o punto de que xa estaban a aceptar reservas do xogo en distintas edicións entre as que non faltaba unha edición para coleccionistas (cun libro en formato descargable, a banda sonora do xogo en vinilo, unha caixa metálica, un póster e unha figura de resina de 28 centímetros de altura), pero finalmente os afeccionados a esta franquía deberán ser pacientes, xa que o lanzamento do xogo queda adiado ata 2021.
Dende Paradox Interactive aseguran que queren entregar o mellor xogo posible, que poida ser unha digna secuela, o que consideran imposible de conseguir se publican o xogo en 2020, de aí que decidisen retrasar uns meses o lanzamento de Vampire: The Masquerade – Bloodlines 2, sen afondar nos detalles que levaron a tal decisión, aínda que podemos entender claramente que estamos ante un dos moitísimos adiamentos que están a experimentar os xogos previstos para este ano por mor da situación sanitaria global.
É de esperar que nos vindeiros meses dean moitos máis detalles deste agardado xogo, previsiblemente nalgúns dos eventos nos que avancen títulos que chegarán ás consolas da vindeira xeración.
Tráiler do xogo

